Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe dos asistentes ao acto

Asinado o convenio de constitución da agrupación “KIC Gallaecia”, para a candidatura conxunta de Galicia ao KIC europeo de envellecemento activo e vida saudable

 



  • Nun acto presidido pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, e que contou coa presenza, entre outras autoridades, dos reitores das tres universidades galegas

  • A participación neste KIC constituirá unha oportunidade para Galicia, tanto polo aumento da competitividade no ámbito empresarial e investigador, como pola oportunidade de acceder a unha liña de financiamento

  • Tres son os obxectivos desta agrupación: a mellora da saúde e a calidade de vida dos cidadáns; o incremento da sostibilidade do sistema sanitario e sociosanitario; e o impulso á competitividade do ecosistema empresarial e investigador
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 03/06/13 (09:53)

O Edificio Administrativo da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), acolleu, o pasado venres, a sinatura dun convenio de colaboración entre os departamentos autonómicos de Sanidade e de Traballo e Benestar; a Axencia Galega de Innovación; as tres universidades galegas; o Clúster da Saúde de Galicia, as fundacións Ramón Domínguez; Novoa Santos; así como a Fundación Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo e o Centro Tecnolóxico Gradiant, para acordar a constitución da agrupación KIC Gallaecia, e aprobar as súas regras de funcionamento.


Os socios que forman están agrupación, -remarcou Rocío Mosquera-, “temos definido tres obxectivos clave a desenvolver a través desta iniciativa: a mellora da saúde e a calidade de vida dos cidadáns, cun enfoque particular nos maiores; o incremento da sostibilidade a longo prazo do sistema sanitario e sociosanitario a través de solucións innovadoras; e, ademais, o impulso á competitividade do noso ecosistema empresarial e investigador”.


Na súa intervención, a titular da carteira sanitaria do Executivo galego citou algunhas actuacións postas xa en marcha polos socios desta agrupación como son: a estratexia de pacientes crónicos e polimedicados, para mellorar a calidade da atención asistencial e a prestación farmacéutica deste colectivo; a Escola galega de saúde para cidadáns, destinada a promover o intercambio entre cidadáns e profesionais da saúde; o Programa Xente con Vida, para fomentar a alimentación saudable; ou os dispositivos de teleasistencia avanzada, que analizan o comportamento da persoa no fogar.


O seguinte paso da agrupación KIC Gallaecia é, -segundo dixo a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera-, a súa integración nun consorcio europeo, “formado por diversas rexións líderes no ámbito de novos modelos de innovación sociosanitaria, co que concorriremos á convocatoria europea prevista para o ano 2014”. Neste senso, dende a agrupación “temos xa avanzados contactos cun destes consorcios, co que, previsiblemente, traballaremos nos vindeiros meses no deseño e redacción dunha proposta formal ao KIC”.


Consideramos, -proseguiu a presidenta do Sergas-, “que a nosa aposta polo KIC Gallaecia constitúe unha oportunidade extraordinaria para Galicia, tanto pola entrada nunha rede internacional de excelencia de primeiro orde, -na que actualidade están presentes empresas líderes mundiais nos seus campos de actuación e centros de formación e de investigación de referencia-, como pola oportunidade de acceder a unha importante liña de financiamento altamente flexible e orientada a resultados”.


Forte soporte institucional
Segundo remarcou a conselleira, “estamos ante unha agrupación cun forte soporte institucional e que integra ao redor de obxectivos e estratexias comúns aos tres piares do coñecemento nos que se deben basear os KICs, como son a educación superior, a investigación e a innovación”.


Galicia ten desenvolvido con éxito nos últimos anos, -dixo a conselleira-, un sector de saúde enfocado a responder a un reto clave da nosa sociedade “como é atender eficientemente a unha poboación altamente envellecida nun entorno disperso”. Globalmente, as capacidades desta agrupación abranguen, -ademais da estrutura de atención sanitaria do Sergas-, os importantes recursos científicos, tecnolóxicos e humanos das tres universidades galegas; máis de 700 centros de atención socio-sanitaria; un innovador tecido produtivo no ámbito da saúde e das TICs; e, ademais, un sólido e crecente ecosistema de investigación en diversas áreas da saúde.


Maior porcentaxe de persoas maiores
Esta candidatura supón unha importante oportunidade para Galicia xa que é unha das rexións españolas con maior porcentaxe de persoas maiores, un 22,5% fronte ao 17,2% do conxunto do Estado Español; así como con maior taxa de dependencia, 112,9 por mil habitantes respecto á media española de 89,7. Estes factores fan que unha ampla poboación de pacientes sexan crónicos e pluripatolóxicos. Ademais, distribúense nun ámbito xeográfico de forte dispersión poboacional, o que dificulta a atención e sostibilidade dos servizos sociosanitarios.


Tipos de KICs
Os KICs son comunidades de coñecemento (Knowledge and Innovation Communities) que poden comprender dende programas específicos de formación superior a proxectos de I+D+I empresarial ou mecanismos de apoio aos emprendedores, entre outros.


O obxectivo que se persegue con estes KICs é que se convertan en axentes clave do crecemento económico sostible e a competitividade europea a través da xeración de dinámicas de innovación de referencia mundial.


Na actualidade, existen 3 KICs, vinculados á enerxía (KIC Innoenergy), cambio climático (Climate KIC) e desenvolvemento TIC (ICT Labs), e no 2014 incorporaranse outros tres novos, un dos cales será o correspondente ao envellecemento activo e a vida saudable.


A convocatoria promóvese a través do European Institute of Innovation and Technology, organismo da Unión Europea que ten como misión aumentar o crecemento europeo sostible e a competitividade industrial reforzando a capacidade de innovación da UE.


Asistentes ao acto
En representación das anteditas institucións acudiron ao acto de hoxe, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez; a secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro Vázquez; o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto Barbeito; o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia; o presidente do Clúster da Saúde de Galicia, Ángel Matamoro Irago; o presidente da Fundación Ramón Domínguez, Luis Verde Remeseiro; o presidente da Fundación Novoa Santos, Francisco José Vilanova Fraga; o presidente da Fundación Biomédica do C.H. Universitario de Vigo, Mario González González; e o xerente de Gradiant, Fernando Jiménez Míguez.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal