Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Imaxe de arquivo dun campamento da Tecnópole.

A Tecnópole confirma o éxito da convocatoria da edición online do seu campamento tecnolóxico

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 08/05/20 (09:40)

Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), que impulsa (en colaboración coa Consellería de Educación) o primeiro campamento tecnolóxico online de verán da nosa Comunidade, vén de facer balance da participación e repercusión lograda coa primeira convocatoria dixital desta iniciativa, que xa vén de antigo na súa fórmula presencial (a actual sería a oitava edición). Segundo fixo saber, este luns poñíase en marcha a convocatoria deste campamento e na mañá deste xoves 7 de maio xa estaban cubertas as 100 prazas dispoñíbles.

“Que en apenas catro días se cubriran todas as prazas ofertadas é un indicador da alta aceptación e do alto valor engadido deste tipo de actividades de difusión e desenvolvemento científico entre os máis novos”, manifestou o director xerente do Parque, Ricardo Capilla, engadindo que resulta un “éxito enorme para a Tecnópole que nos obriga a abrir unha segunda quenda para dar cabida á demanda crecente que estamos a rexistrar desde que se comunicou a noticia ao público”. Segundo fixo saber, a boa acollida do evento “énchenos de satisfacción e, sen dúbida, elevará aínda máis os xa de por si altos niveis de esixencia e calidade cos que desenvolvamos as nosas actividades”. A segunda quenda deste campamento, que tamén se organizará por grupos de idade, diríxese a un máximo de 100 mozos e mozas de toda Galicia de entre 12 a 18 anos. Celebrarase do 20 ao 31 de xullo, de luns a venres, en horario de 10:00 a 13:30 horas. O prazo máximo para formalizar a inscrición será o 12 de xuño ou ata cubrir a totalidade das prazas.

Ciencia e tecnoloxía

Segundo informou a Tecnópole, nas súas instalacións en San Cibrao das Viñas (Ourense) habilitarase, ao abeiro do campamento, un amplo espazo no que diferentes expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van a desenvolver proxectarán os seus coñecementos cara á mocidade participante, “de maneira moi amena, práctica e innovadora”. Haberá un amplo abano temático de obradoiros, nos que os participantes recibirán formación en programación, robótica, novas tecnoloxías, electrónica, mundo makerhacking, biotecnoloxía, biomaking (crear ou fabricar os nosos propios produtos no campo biotecnológico) e retos STEAM (traballaranse coñecementos, habilidades, aptitudes e competencias de maneira multidisciplinar, abranguendo os eidos Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Arte e Matemáticas).

No transcurso do campamento programaranse placas electrónicas, os alumnos iniciaranse na seguridade informática, deseñarán roupa con sensores, construirán o seu propio microscopio e analizarán a luz do Sol con espectroscopios, entre outras actividades. Este campamento tecnolóxico forma parte da aposta do Parque Tecnolóxico de Galicia pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Así, o Parque promove ademais outras actividades nesta liña como as Aulas Tecnópole (formación en ciencia e tecnoloxía para nenos de 12 a 18 anos), STEAM Kids Tecnópole (para nenos de 8 a 11 anos) e Galiciencia, a maior feira científica que se celebra cada ano en Galicia, na que os protagonistas son estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal