Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pais xogando co seu neno no fogar.

Xoga e fai exercicio en familia coas TIC

Terceira entrada da "Guía para entreterte na casa con nen@s".

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 28/04/20 (12:03)

As TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) son as tecnoloxías que nos ofrecen a posibilidade de acceder e compartir información e que nos permiten unha maior interacción e comunicación entre as persoas; pero estas tecnoloxías van máis aló e facilítannos, entre outras moitas cousas, o entretemento. Algunhas das ferramentas máis utilizadas son: os móbiles, as tablets, Internet, as redes sociais, os videoxogos, etc.

Non debemos esquecer que este uso debe ser supervisado sempre por adultos, tentando non abusar do tempo que se lle dedica para non incorrer na promoción de malos hábitos de uso ou distraccións inapropiadas. Así mesmo, debemos ter especial coidado na exposición a riscos dixitais como o ciberacoso ou a vulnerabilidade de datos entre outros.

Aínda que, se seguimos estas consideracións previas, o uso das TIC como ocio dixital pode ser moi beneficioso, axudándonos a xerar capacidades de comunicación, fomento das relacións sociais, creación de novos hobbies e hábitos de exercicio saudable, xunto coa promoción de actividades de recreo e lecer.

Xoga en familia 

introdución da gamificación nas aulas propiciou que os xogos pasaran de ser algo lúdico a utilizarse para ensinar determinadas materias. Son numerosos os estudos que recollen o feito de que, utilizados segundo criterios pedagóxicos, os videoxogos poden achegar interesantes beneficios ao mundo da educación.  

Así pois, son moitos os recursos que podemos atopar para continuar educando aos nosos fillos a través da realización de xogos en familia desde as nosas casas. A continuación facilitámosvos algunhas alternativas que vos resultarán de axuda á hora de planificar estas sesións no voso día a día: 

  • Programa en liña da Cidade da Cultura “Aventuras no Monte das artes” para estimular a creatividade da cativada a través de xogos artísticos en familia: dentro da campaña a #aculturasegue da Xunta de Galicia, este programa pretende achegar as artes e a tecnoloxía aos menores a través de experiencias dinámicas, estimulantes e divertidas na que todos os membros da familia poidan participar. 
  • Os programas educativos en competencias dixitais tamén son unha alternativa moi interesante xa que teñen a finalidade de ensinar competencias dixitais a través do xogo e a experimentación. 
  • Os videoxogos educativos estanse a converter nunha fantástica ferramenta para a formación dos nosos fillos. Trátase dunha boa forma de aprender a través do xogo, xa que facilitan a capacidade de retención, a motivación, incentivan a participación, fomentan o traballo en equipo, alimentan a imaxinación e a lóxica e melloran a autoestima, melloran o desenvolvemento psicomotriz e desenvolven novas habilidades. 
  • Recursos en liña como páxinas web, redes sociais como Facebook ou Instagram tamén son fonte de recursos onde atopar un amplo catálogo de actividades (manualidades, xogos de mesa, debuxos para colorear, actividades, contos infantís, experimentos caseiros, receitas sinxelas, etc.) 

Aínda que tamén existen alternativas que reúnen tecnoloxía e xogo, a través dunha orientación STEM (siglas de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) sen necesidade de pantallas, sendo unha boa forma de combinar educación, curiosidade e entretemento xogando. Algúns exemplos son: as construcións mediante legos, experimentos como os de magnetismo ou a robótica.

Fai exercicio en familia 

Como diciamos ao comezo desta puiblicación, os nosos cativ@s precisan facer exercicio para manterse activos e en boa forma tanto física como mentalmente. E tamén os pais e nais para poder acadar un equilibrio saudable nesta situación de confinamento e manter un bo estado de ánimo.  

Son moitas as alternativas que nos brinda Internet para poder ocupar este tempo de lecer coa planificación de rutinas deportivas ou actividades que manteñan entretida a toda a familia. 

Todas elas dispoñibles a través de clases online ou videotutoriais e, incluso, en canles especializadas a través de canais como YouTube ou de aplicacións para o móbil ou tablet.

Algúns exemplos son: 

  • Zumba para nen@s: cada vez son máis os pequen@s que se suman a este exercicio que conxuga movementos aeróbicos con baile.  
  • Ioga para nen@s: exercicios que reforzan as habilidades motoras e fortalece os músculos e favorece o equilibrio emocional. 
  • Bailar coreografías: como mencionabamos anteriormente, hai multitude de recursos e cancións aptas para os máis pequen@s da casa cos que mover o corpo ao ritmo da música que máis lles guste.
  • Xogos para exercitar o corpo: DAME 10 (Descanso Activo Mediante o Exercicio Físico), do ministerio de Sanidade, propón actividades moi sinxelas pero ben estruturadas e diferenciando segundo o nivel dos vosos peques, que podedes facer na casa.
  • Exercicios funcionais: sentadas, flexións de brazos e pernas, saltar, abdominais... son ideais para manter a flexibilidade e o crecemento óseo.  
  • Exercicios de equilibrio: este tipo de exercicio pode servir de quentamento antes de practicar deporte ou despois como sistema de estiramentos.
  • Exercicios de teatralidade: este tipo de exercicios permitirán a grandes e a pequenos estimular o seu lado máis creativo á vez que divertido. Heroes/heroínas, guerreiros/as, animais... o límite é a imaxinación. Ademais podemos reutilizar cousas que teñamos na casa como disfraces, cubos, pelotas, coxíns, etc.
  • Exercicios para estimular os sentidos: a estimulación sensorial é moi importante sobre todo en idades temperás. Apagouse a luz, pinzas da roupa polo corpo, ler os beizos, adiviña o ruído ou animal, etc.
  • Circuíto de obstáculos: en Internet existen moitas ideas para a realización deste tipo de actividade podendo adaptala en cada caso á idade dos cativ@s e do espazo dispoñible.

Aínda que como para todo, debemos ter en conta a idade dos nen@s, posto que nos primeiros anos de vida foméntase o xogo libre e o movemento. Durante o comezo da etapa escolar prevalece a actividade que involucra a coordinación, a habilidade e o equilibrio e nos seguintes anos desenvólvense progresivamente habilidades específicas como a flexibilidade, a forza, a resistencia; momentos nos que se potencia o dominio do corpo. 

A pesar de que o confinamento sexa duro, tamén pode ser unha grande oportunidade para entreterse en familia e desfrutar grazas á tecnoloxía!

Tema: Xeral
Fonte: Faite Dixital
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal