Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Momento da videoconferencia.

Arredor de 120 estudantes participaron na edición máis virtual do Día das Rapazas nas TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 24/04/20 (08:57)

Este 23 de abril celebrouse a oitava convocatoria do Día Internacional das Rapazas nas TIC máis intensamente virtual de cantos se teñen organizado na nosa terra, aínda que a mensaxe fora a mesma que nas anteriores edicións: fomentar a educación tecnolóxica e mitigar o sesgo de xénero nestas profesións. A xornada celebrouse integramente en liña, conectando ás organizadoras e ás relatoras con 120 estudantes nos seus fogares. A cita, que adoptou plenamente o formato virtual para sortear as restricións á actividade presencial do Decreto de Alarma, contou coa presenza de catro mulleres referentes no ámbito tecnolóxico galego: Amparo Alonso, María Fernández, Isabel Expósito e Patricia Mañana.

A xornada desenvolvida onte pola mañá veu da man do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Secretaría Xeral de Igualdade, a Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e a Asociación.GAL. O evento, creado para motivar ás novas xeracións de mozas co fin de que consideren as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) como un ámbito axeitado para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional, foi inaugurado pola directora da Axencia Galega da Innovación (GAIN) e presidenta do CESGA, Patricia Argerey, quen deu a benvida ás participantes xunto ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a secretaria Xeral de Iguadade, Susana López Abella. Amparo Alonso Betanzos, María Fernández Hermida, Isabel Expósito Pérez e Patricia Mañana Borrazás, catro mulleres galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionados coas novas tecnoloxías, compartiron a súa experiencia e responderon ás dúbidas dos máis de 120 estudantes de educación primaria e secundaria que seguiron o encontro dixital. Na xornada participou tamén o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, quen explicou que a iniciativa complementa outras actividades do colexio a prol da igualdade nas TIC, como o Premio Ada Byron, pioneiro en España, e que anualmente recoñece o labor dunha enxeñeira en informática “para crear referentes femininos para as nenas a idades temperás”, ou outras iniciativas previas como rapacinos.gal. En palabras de Fernando Suárez, estes que estamos a vivir son “días convulsos” que están a demostrar “a importancia da informática en moitos ámbitos, como o educativo ou o asistencial”. Segundo fixo saber, “é fundamental potenciar a educación tecnolóxica desde o inicio do proceso educativo, o que sen dúbida mitigaría o sesgo de xénero destas profesións”.

Amparo Alonso

Amparo Alonso é catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) e presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial (AEPIA) con recoñecemento e premios internacionais. Explicou aos estudantes que a Intelixencia Artificial está presente en moitas aplicacións e ferramentas. Ademais, como directora do grupo LIDIA (Laboratorio de I + D en Intelixencia Artificial), composto case á metade por mulleres, destacou o traballo deste equipo de investigación que desenvolve proxectos de I+D en áreas tan diversas como a medicina ou a xestión de incendios.

María Fernández

Na súa intervención, a artista dixital María Fernández explicou aos alumnos e alumnas que a industria dos videoxogos é unha “gran descoñecida”, mesmo para xogadores habituais. Faloulles das moitas e variadas opcións laborais que existen no sector e nas que especificamente traballa como son escenarios, iluminación e guión. Tamén lles comentou o importante papel que ten o feminismo na industria. Aínda que lembrou que “tradicionalmente foi un sector masculino con xogos feitos por e para homes”, actualmente iniciativas como Women in Games –organización que promove os videoxogos como unha carreira para mulleres, que organiza charlas e apoia ás mulleres nesta industria e da que é embaixadora– e outras asociacións están “conseguindo diversificar a industria para que sexa, non só máis atractiva desde un punto de vista laboral para as mulleres e outros colectivos minoritarios, senón que os produtos no mercado e o público que os consuma o sexan tamén, co obxecto de crear una industria aberta a todos”

Isabel Expósito

A enxeñeira en Telecomunicacións Isabel Expósito explicou ás estudantes o seu traballo coa medida de sinais electromagnéticos, usadas para a caracterización de antenas, tan en auxe actualmente polo cambio de frecuencias na TDT e para que funcionen moitos dispositivos electrónicos que se usan a diario, como os móbiles, ordenadores, routers ou as xa nomeadas antenas para ver a televisión e escoitar a radio. Mesmo sinalou que roupa que se merca nas tendas leva antenas con fins de loxística. Isabel Expósito é técnica do laboratorio Antelia, que pertence ao grupo de investigación de Sistemas Radio, recoñecido como grupo de referencia competitiva pola Xunta de Galicia que forma parte do AtlantTIC, un centro de referencia a nivel internacional de investigación en Telecomunicacións da Unversidade de Vigo (Uvigo).

Patricia Mañana

Patricia Mañana Borrazás é arqueóloga especialista en novas tecnoloxías aplicadas ao patrimonio, coordinadora do proxecto DIMENSO e profesora no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Desde o seu punto de vista, “a arqueoloxía é unha profesión moi vocacional dos namorados do patrimonio, dos restos arqueolóxicos e da emoción do seu descubrimento”. Partindo desta premisa, relatou aos alumnos a súa experiencia profesional e como foi o proceso de aplicar e traballar coas tecnoloxías na arqueoloxía. O seu interese pola arqueoloxía xurdiu ao facer un traballo escolar no que tiña que presentar un castro que estaba ao carón da escola, o de Elviña na Coruña. E todas as ideas que floreceron desta actividade víronse reforzadas por un achado que fixo ao percorrer o monte da aldea dos seus avós, que todos os veciños coñecían como castro, chegando a descubrir que ese outeiro era en realidade a muralla dun castro soterrado. Aí comezou “a súa paixón pola arqueoloxía polo que se decidiu a estudar Historia”. Aínda que non foi ata anos máis tarde cando comprendeu os beneficios de aplicar as tecnoloxías ao seu traballo, e comezou a especializarse no uso de ferramentas topográficas, sistemas de información xeográfica, escáneres 3D ou fotogrametría. “Estas tecnoloxías axudan a facer copias dixitais dos restos arqueolóxicos e a identificar novos restos, co fin de obter resultados máis precisos, completos e detallados”, explicou.

Día Internacional das Rapazas nas TIC

O Día Internacional das Rapazas nas TIC é unha efeméride internacional para motivar ás novas xeracións de mozos e mozos a considerar positivamente as novas tecnoloxías para o desenvolvemento académico, investigador e profesional. O evento está organizado e promovido polo CPEIG, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o CESGA, AMIT e a Asociación.GAL. Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVIGO), a Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), GalsTech, Hello Sisters! e MujeresTech. A Secretaría Xeral de Igualdade e o CESGA, promotor e coordinador do proxecto europeo ICT-Go-Girls!: Promoting Entrepreneurship through ICT for Secondary School Girls (Promoción do emprendemento a través das TIC entre rapazas de educación secundaria), considerado como referente pola propia Unión Europea, levan desde 2013 impulsando e colaborando en diferentes iniciativas para a difusión e promoción das Tecnoloxías da Comunicación e Información (TIC), especialmente para conseguir que as mulleres alcancen unha presenza igualitaria no sector dixital, mediante accións dirixidas a rapazas entre 10 a 15 anos, franxa de idade que se considera chave para cambiar a tendencia ao rexeitamento das carreiras tecnolóxicas entre as rapazas.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal