Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Un mozo con síndrome de Down utiliza unha tableta sorrindo xunto a unha moza nova.

Un día dedicado á accesibilidade da tecnoloxía para persoas con discapacidade

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 16/05/19 (14:54)

Este xoves celébrase a oitava edición do Global Accessibility Awareness Day (GAAD), un día dedicado á concienciación sobre a importancia da accesibilidade da tecnoloxía e o deseño web para facilitar o seu uso por parte das persoas con discapacidade e as persoas maiores.

Con este obxectivo naceu a finais de 2011 esta iniciativa, froito dun post dun desenvolvedor web nun blogue no que apostaba pola creación dun día dedicado á accesibilidade tecnolóxica.

Desde entón, a celebración deste día non parou de crecer coa celebración dun número crecente de eventos por todo o mundo. Nesta edición, en España terán lugar dous eventos, un organizado por Atos e outro pola Universitat Autònoma de Barcelona.

Pero o obxectivo da celebración deste día é que cada persoa poida achegar o seu gran de area e, sobre todo, concienciar ás persoas que non teñen unha discapacidade sobre a importancia da accesibilidade.

Por iso, os organizadores instan a realizar distintas accións de concienciación, como utilizar o computador sen rato durante unha hora, aumentar o tamaño da letra, comprobar o contraste de cor nunha páxina web ou analizar a orde dos elementos nunha web, algo fundamental para as persoas con discapacidade visual que navegan utilizando un lector de pantalla.

De feito, outra das propostas de GAAD é utilizar durante unha hora o computador ou o móbil cun lector de pantalla, ou dedicarlle un tempo para coñecer as opcións de accesibilidade dos dispositivos.

No fondo, o obxectivo deste día é tratar de facer ver a importancia da accesibilidade e subliñar o papel fundamental que a tecnoloxía ten para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e de moitas persoas maiores.

Tema: Xeral
Fonte: Tecnobility
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal