Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Blog Envellecer con DCA

FEGADACE lanza un blog sobre prevención da dependencia e rehabilitación do DCA

 



  • O blog forma parte dun proxecto sobre novas técnicas na rehabilitación para a prevención da dependencia no dano cerebral.

  • Os tratamentos que proporcionan incorporan técnicas innovadoras baseadas nas novas tecnoloxías (realidade virtual, videoxogos, etc.) e na promoción, de maneira transversal, de hábitos de vida saudáble.
Versión para impresiónSend by email
Santiago, 21/05/13 (10:19)

A Federación Galega de Dano Cerebral continúa coa campaña para promover o envellecemento saudábel e a prevención da dependencia lanzando un blog a través do que informar e reflexionar sobre estes temas. O blog forma parte dun proxecto sobre novas técnicas na rehabilitación para a prevención da dependencia no dano cerebral, que conta co apoio da Consellería de Traballo e Benestar, FEDER, e o programa de Cooperación Transfronteiriza España – Portugal, a través do seu proxecto ‘Envejecimiento + Activo’.


As entidades federadas en FEGADACE están a desenvolver este proxecto en forma de terapias individuais e grupais. Os tratamentos que proporcionan incorporan técnicas innovadoras baseadas nas novas tecnoloxías (realidade virtual, videoxogos, etc.) e na promoción, de maneira transversal, de hábitos de vida saudábel.


Así, e por exemplo, as sesións de Terapia Ocupacional están centradas en obradoiros de cociña, nos que se aproveita para traballar sobre os alimentos máis recomendábeis para a saúde das persoas con dano cerebral. Tamén se están fornecendo tratamentos de fisioterapia, rehabilitación psicolóxica e estimulación cognitiva, logopedia e comunicación.


‘Envellecer con DCA’


O blog ‘Envellecer con DCA’ nace coa idea de que persoas usuarias, familiares e profesionais intercambien opinións sobre hábitos de vida saudábel, innovación nos tratamentos, alimentación… Compártese o proceso de aprendizaxe ao tempo que se desenvolven habilidades no manexo de internet e os dispositivos de acceso á rede.


FEGADACE anima ao público interesado nesta cuestión a participar no blog deixando comentarios, propostas, e interactuando cos demais usuarios e usuarias.


Dentro deste blog pódese atopar unha sección titulada ‘Aprende no noso curso!’, na que se reproduce o material didáctico elaborado polo equipo profesional de FEGADACE para o ciclo de cursos  ‘Hábitos de vida saudábeis e prevención da dependencia no dano cerebral’. Recolle documentación, recursos didácticos e xogos cos que aprender a previr a dependencia evitando o dano cerebral. Pódese acceder directamente desde a seguinte URL: http://curso.fegadace.org/.


Cursos sobre hábitos de vida saudábel


O programa para a prevención da dependencia nas persoas con dano cerebral comezou o mes pasado cun ciclo de cursos titulado ‘Hábitos de vida saudábeis e prevención da dependencia no dano cerebral’. Esta actividade, que comparte patrocinadores coa centrada na rehabilitación, consistiu nunha serie de cursos que se impartiron na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Neles ensinouse ao público asistente como identificar un ictus, como actuar perante a súa irrupción, déronse instrucións sobre como previlo, etc.


O ciclo de cursos contou cunha asistencia total de máis de 200 persoas, moitas delas con dano cerebral, que se amosaron satisfeitas dos coñecementos adquiridos nos obradoiros.

Tema: Xeral
Fonte: FEGADACE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal