Un equipo da Universidade de Vigo vén de facerse cun dos premios estatais do certame HackForGood, convocado anualmente por Telefónica para impulsar proxectos e contribucións tecnolóxicas “en positivo” (solidarias, sociais, humanitarias, activistas) da comunidade hacker dos campus. O equipo da UVigo, que tamén se impuxo na edición local (HackForGood Galicia) de 2018, foi recoñecido no marco do HackForGood Big Day, o peche anual do evento de innovación social e interuniversitario HackForGood.
A cita celebrouse o pasado venres no Auditorio Innovation Center no Distrito Telefónica (Madrid) e nela o equipo vigués competiu con outros oito gañadores do HackForGood 2018 a nivel nacional. O grupo da UVigo, constituído por cinco estudantes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, foi o creador de Atopa Project, unha aplicación web dirixida a loitar contra a exclusión social desde a escola baseada no uso da sociometría.
Os equipos participantes expuxeron os seus traballos un ano máis tarde de gañar a correspondente edición local para que os membros do xurado (composto por representantes de doce universidades de toda España e sete representantes de diversas áreas de negocio da compañía Telefónica) puidesen comprobar a evolución de cada un dos traballos gañadores das distintas sedes do evento. Finalmente o equipo vigués, composto por María Cabrero, Marta Blanco, Adrián Lombardía, Miguel Ángel Otero e Sara Berezo, fíxose co terceiro premio, dotado con 1.000 euros.
Atopa Project xurdiu ao abeiro da asociación viguesa TEAVI, Transtornos do Espectro Autista, que foron os que primeiro se decataron de que a exclusión social é un dos principais problemas no ámbito escolar. “Nós, cinco alumnos da EE de Telecomunicación especializados en imaxe e son, sistemas de telecomunicación e telemática, decidimos abordar este problema e iniciar un desenvolvemento que poña solución a este problema”, explica o equipo nas súas redes sociais. Atopa, que o ano pasado conseguiu tamén un dos premios dos LProDays da EE de Telecomunicación, é unha aplicación web dividida en dúas interfaces: unha para o docente e outra para o alumno/a. Na interface do alumnado permítese responder a unha serie de preguntas, cun respaldo psicolóxico previo, que permitan establecer as relacións sociais de cada neno ou nena. No caso da do profesor a interface ten a opción de modificar as preguntas para adecualas ás diferentes idades escolares e, por outra banda, coas respostas obtidas do alumnado, permite visualizar un sociograma por pregunta.
Rexístrate como: