Este 25 de abril celebramos unha xornada para os 365 días do ano. Falamos do Día das Rapazas nas TIC, dirixido a conmemorar as importantes contribucións femininas ao ámbito dixital e, tamén, a achandar o camiño para convidar ás nenas e ás mozas a percorrer ese mesmo camiño da innovación. A xornada, que tamén é un declaración de loita contra a desigualdade académica e profesional TIC, vén da man do Centro de Supercomputación de Galicia en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Secretaría Xeral de Igualdade. As actividades comezan ás 11.00 horas na sede do CESGA.
O Día das Rapazas nas TIC é unha conmemoración que abrangue unha manchea de países e unha manchea de entidades comprometidas con motivar ás mozas a apostaren polas novas tecnoloxías como vieiro formativo, investigador e profesional. Para celebrar a vertente galega da xornada participarán no CESGA catro mozas galegas representantes do noso tecido empresarial innovador e tecnolóxica: catro rapazas que investigan, traballan e emprenden coas TIC, que contarán cadansúa experiencia e responderán a todas as preguntas que se lles fagan desde os centros escolares (os centros conectados ao CESGA vía multiconferencia). Trátase das seguintes rapazas:
Para quen queira ver por streaming as actividades, poderá facelo a través da ligazón específica habilitada para tal efecto.
No marco do Día Internacional das Rapazas nas TIC, a Secretaría de Igualdade, o CESGA e o CPEIG, no seu interese por promover as vocacións tecnolóxicas femininas, convocaron o primeiro concurso #ApuntasTech?. Tras o peche da convocatoria, hai inscritas 30 propostas de traballos sobre a tecnoloxía na aula. O fallo do xurado farase público este xoves, no transcurso do acto do Día das Rapazas nas TIC que se celebrará no CESGA, e que será retransmitido por streaming.
Un dos obxectivos do certame é “promover o traballo coa tecnoloxía na aula de forma diversa, lúdica e tendo moi presente a perspectiva de xénero”. Por iso, búscase que “o profesorado conte con estratexias, propostas e ferramentas concretas que axuden a apaixonar sobre o potencial transformador, de beneficio directo á sociedade, e creativo das tecnoloxías na aula”. Ao fío disto, o concurso pretende, “dun xeito lúdico e aberto”, escoitar “a todas as partes implicadas para poder reunir as mellores propostas, e xerar un catálogo dinámico para traballar as tecnoloxías de forma amena, principalmente na aula, pero tamén fora dela, en actividades extraescolares, en familia, etc”. Posteriormente, elaborarase unha recompilación das mellores propostas e publicarase con licencia aberta para a súa descarga na web do concurso, así como en diferentes acubillos de materiais educativos online.
O certame está organizado e patrocinado polo CESGA en colaboración coa Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG), Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, nodo Galicia (AMIT-Gal) e a Asociación PuntoGal (.GAL). Conta co apoio de múltiples institucións: Axencia Galega de Innovación, Consellería de Educación e Formación Profesional, Axencia Galega de Modernización Tecnolóxica (Xunta de Galicia), Facultade de Ciencias da Educación e Unidade Woman Emprende da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (UVIGO), Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC), Asociación MujeresTech, e grupos de mulleres tecnólogas en Galicia como GalsTech e Hello Sisters!, así como a tenda en liña Bricogeek.com.
Rexístrate como: