Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

Galicia celebra o empuxe dixital feminino no Día Internacional das Rapazas nas TIC

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 23/04/19 (09:31)

Malia que a reivindicación da igualdade tecnolóxica sexa aplicable aos 365 días do ano, este 25 de abril a celebración das contribucións dixitais femininas cobra especial protagonismo coa sétima edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha data impulsada e coordinada dende a nosa terra polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) co apoio incondicional da Secretaría Xeral de Igualdade, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e GAIN, entre outras entidades e empresas da nosa terra. 

Para quen non o saiba, é unha conmemoración que abrangue unha manchea de países e unha manchea de entidades comprometidas con motivar ás mozas a apostaren polas novas tecnoloxías como vieiro formativo, investigador e profesional. Por que motivo? Pois porque, por mensaxes erróneas e falsos estereotipos, o eido académico TIC non conta con todas as mulleres coas que debera contar para garantir un óptimo desenvolvemento tecnolóxico das sociedades, as empresas, as culturas e os países. Para celebrar a vertente galega do Día Internacional das Rapazas nas TIC participarán co CESGA (e no CESGA) catro mozas galegas representantes do noso tecido empresarial innovador e tecnolóxica: catro rapazas que investigan, traballan e emprenden coas TIC, que contarán cadansúa experiencia e responderán a todas as preguntas que se lles fagan desde os centros escolares (os centros conectados ao CESGA vía multiconferencia). Trátase das seguintes rapazas:

  • Pilar Vila Avendaño. Enxeñeira informática, analista forense e perito xudicial informático. É directora executiva (CEO) da empresa Forensic-security.com, experta en ciberseguridade e integrante do Colexio Oficial de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
  • Sonia Valladares Rodríguez. Enxeñeira en Telecomunicacións pola UVigo, investigadora en biotecnoloxía, especialmente na aplicación de aprendizaxe máquina (Machine Learning), TIC e técnicas de ludificación na detección precoz da deterioración cognitiva.
  • Mercedes García Rodríguez. Tradutora, desenvolvedora de software, co-organizadora de GalsTech e co-impulsora de 1Millionbot, empresa de desenvolvemento de chatbots de conversa e comunicacións. É unha dos tres Google Developer Experts de Galicia e a primeira muller en selo.
  • Leticia Faria de Pazos. Licenciada en Administración e Dirección de empresas. Traballa no departamento de Desenvolvemento Empresarial Innovador en Tecalis (Ames) e é responsable de marca de Signen KYC, quiosco dixital con sinatura online que emprega técnicas de seguridade avanzada mediante cadea de bloques, a tecnoloxía Blockchain.

Axenda de actividades

  • 11:00-11:05 Benvida por parte da directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey Vilar.
  • 11:05-11:10 Intervención da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.
  • 11:10-11:45 Transmisión por streaming do coloquio cos centros educativos. Visión e experiencia de catro galegas que traballan, emprenden e investigan empregando as novas tecnoloxías.
  • 11:45 Intervencións de alumn@s dende os centros educativos participantes conectados. 
  • 12:15-12:30 Fallo do xurado das propostas gañadoras no concurso #ApuntasTech?
  • 12:30-13:30 Visita didáctica ao corazón do Supercomputador Finis Terrae e obradoiros tecnolóxicos para as/os participantes na xornada. 
  • 17:00-19:00 Visitas didácticas ao corazón do Supercomputador Finis Terrae, talleres creativos e tecnolóxicos dirixidos principalmente a mozas e mozos de 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO: programación, Realidade Aumentada e Virtual, Impresión 3D, robótica maker, etc.
Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal