Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

O papel puxante das mulleres nos videoxogos, ao detalle esta semana na UDC

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 09/04/19 (08:23)

Todos os meses son os meses das mulleres, pero en abril a loita pola igualdade no dixital cobra especial significado, sobre todo pola celebración do Día das Rapazas nas TIC que se celebra o día 25. Porén, non será a única cita destinada a mostrar as imprescindibles contribucións femininas ao ámbito dixital. Este día 10, sen ir máis lonxe, a Facultade de Ciencias da Comunicación da UDC (salón de graos) acolle a xornada Tomamos o control? Mulleres detrás dos videoxogos, impulsada pola universidade coruñesa a través do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF), con financiamento do Instituto da Muller (Ministerio da Presidencia).

A cita dará comezo ás 9.30 horas, coa presentación e apertura oficial do encontro, dando paso ś 10.00 horas a Mirella Díez, deseñadora de son en Remedy Games. A continuación, sobre as 11.00, será a quenda de Estrela Páramos, coordinadora do equipo de media en Ledisson AIT. Logo dunha pausa ás 12.00 horas, recomenzan as charlas cunha sesión-faladoiro da man de María Fernández, creativa en Gato Salvaje, e máis Luz Castro, responsable de Imaxin Software e profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación. 

Logo do xantar, ás 16.00 horas, celebrarase un obradoiro, centrado desta volta no desenvolvemento e presentación do documento de concepto dunha idea para un videoxogo. Esta actividade realizarase en colaboración coa asociación MOLab. A asistencia ao obradoiro é de balde, previa inscrición no correo cexef@udc.es. Segundo informan as organizadoras do encontro, o programa de charlas devandito compleméntase, no primeiro andar da facultade, cunha exposición sobre mulleres sobranceiras da industria dos videoxogos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal