A Universidade de Vigo presentou un Sistema de Atención a Maiores a través da televisión, coñecido como SAM TV, no 25 Congreso da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría, celebrado o pasado fin de semana na Coruña coa participación de 250 profesionais de toda Europa.
Mediante esta plataforma, que se basea na televisión intelixente, os maiores poden dispoñer de distintos servizos sociais de acompañamento, de seguimento e integración coas novas tecnoloxías de internet. Só necesítase unha televisión e un mando a distancia, dispositivos que existen na práctica totalidade dos fogares e que calquera persoa sabe usar.
A oferta de servizos é moi variada: dende facer unha busca en wikipedia, unha enciclopedia virtual que moitos descoñecían e que lles resultou moi atractiva, ata ler o xornal na tele, consultar a información do tempo ou poñer "Luar" ou o seu programa favorito á hora que queiran como nun sistema de televisión á carta. O sistema inclúe unha axenda con recordatorios para tomar unha medicina ou para acudir a unha cita. Ademais, os usuarios teñen acceso a servizos tradicionais de internet como Google ou Youtube, e poden acceder a redes sociais como Facebook ou Twitter, aínda que estas últimas teñen escasa demanda entre os maiores.
A hipótese científica da que partía o Grupo de Enxeñaría de Sistemas Telemáticos era que "a televisión é o mellor medio" para facer chegar distintos servizos e tecnoloxías da información aos maiores, segundo explica o catedrático vigués, Luis Anido, líder deste grupo que forma parte do centro de investigación AtlantTIC, con sede no Campus. O sistema probouse en outubro do ano pasado en 60 persoas maiores distribuídas por toda Galicia. A experiencia piloto incluíuse no programa europeo Envejecimiento+Activo da Secretaría Xeral de Política Social, que cofinancia nun 75% o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). O resultado foi que para os usuarios era moito máis doado e máis familiar utilizar un sistema baseado na televisión que un sistema baseado no ordenador. Ademais, valoraron as distintas aplicacións que se ofrecen e que se adaptaron a este sistema de televisión intelixente.
Este sistema é un dos resultados dunha liña de investigación do Grupo de Enxeñaría Telemática. Está validado e poderíase comercializar, pero este non é de momento o obxectivo dos investigadores. En calquera caso si estarían dispostos a colaborar coa Secretaría Social de Política Social da Consellería de Traballo se nalgún momento decidise implantar este servizo de forma masiva.
Rexístrate como: