Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Man humana chocando o puño cunha man robótica.

A AETG convoca o seu galardón ao mellor proxecto TIC con beneficios á sociedade

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 03/04/19 (08:03)

Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación (AETG), en colaboración coa axencia AMTEGA, vén de convocar a nova edición do seu Premio Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais, 2019, destinado a recoñecer as mellores contribucións no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación a prol da solidariedade, a integración e o activismo, poñendo o foco na inclusión social e dixital e na igualdade de oportunidades. O galardón será entregado no marco da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que se celebra o 31 de maio na Coruña (edición número 24) da man do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG).

Volvendo ao devandito galardón TIC solidario, a AETG lembra que as candidaturas deben ser entregadas antes das 10.00 horas do 15 de abril e estar especialmente dirixidas a potenciar fomento das tecnoloxías facilitando o seu emprego para contribuír, deste xeito, “á diminución da fenda dixital, poñendo en marcha iniciativas empresariais ou sociais de desenvolvemento, fabricación ou servizos, que incorporen un elevado nivel do uso das TIC con produtos e/ou servizos que melloren a calidade da vida das persoas”. Así, os proxectos deberán dar resposta a demandas sociais dirixidas á mellora de áreas concretas, ou ben estar dirixidos ao benestar e a calidade de vida das persoas e da sociedade en xeral. Valoraranse especialmente aquelas contribucións que atendan a colectivos en risco de exclusión dixital. 

O premio, que ten carácter honorífico, é pois un incentivo para recoñecer as accións emprendidas por empresas, entidades ou particulares para “que as persoas e comunidades sexan cada vez máis dixitais mediante o acceso, uso e apropiación das TIC”, sinala a AETG. En termos máis concretos, teranse moi en conta as seguintes características nos proxectos: presentación e claridade na exposición, calidade na proposta, grao de innovación tecnolóxica ou científica, resolución de retos sociais, orixinalidade e carácter innovador da idea, público obxectivo que se vería beneficiado pola solución do proxecto, participación efectiva das persoas beneficiarias da solución TIC, aplicabilidade e pragmatismo para a obtención dos resultados nos colectivos aos que vai dirixido o proxecto, a súa madureza, a súa accesibilidade en custo para o usuario final ou a súa viabilidade comercial, entre outros parámetros.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal