Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

A ‘Estratexia de prevención da dependencia’ contará con preto de 400 medidas dirixidas a manter a autonomía persoal o maior tempo posible


  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe na Coruña o XXV Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría

  • Beatriz Mato indicou que esta estratexia, que será presentada antes de que remate este mes, complementará as actuacións que xa se están a desenvolver coas persoas que sofren dependencia, un colectivo prioritario para o Goberno

  • Un feito que se reflicte nas 68.000 prestacións recoñecidas desde a entrada en vigor da Lei de Dependencia, das que preto do 80 por cento foron recoñecidas nos últimos catro anos

  • O programa MiAvizor é un proxecto pioneiro e innovador no ámbito da teleprevención sociosanitaria, máis avanzado e completo que a teleasistencia tradicional

  • Mato expuxo que, tras a experiencia piloto do pasado ano, en 2013 vanse instalar 500 dispositivos en concellos do rural de Ourense e Lugo, e que, de feito, xa se teñen instalado preto de cen

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 14/05/13 (10:03)

A Consellería de Traballo e Benestar presentará nos próximos días a ‘Estratexia para a prevención e detección precoz da dependencia de Galicia, horizonte 2020’, un documento que vai marcar a folla de ruta das políticas do departamento autonómico nesta materia.


A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe na Coruña o XXV Congreso Internacional da Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría e, na súa intervención, avanzou que esta iniciativa “contará con preto de 400 medidas concretas encamiñadas a pasar dun sistema tradicional a outro baseado na prevención, para poder retrasar as situacións de dependencia o máximo tempo que sexa posible”.


Beatriz Mato indicou que esta estratexia complementará as actuacións que xa se están a desenvolver coas persoas que sofren dependencia, un colectivo prioritario para o Goberno. Un feito que se reflicte nas 68.000 prestacións recoñecidas desde a entrada en vigor da Lei de Dependencia, das que preto do 80 por cento foron recoñecidas nos últimos catro anos.


Galicia foi a segunda Comunidade que rexistrou un maior número de altas neste sistema ademais de ser a terceira autonomía cunha maior porcentaxe de persoas con dependencia asistidas con servizos. Neste sentido, a titular de Benestar lembrou que o departamento autonómico aposta polos servizos, que conlevan unha atención de máis calidade pero tamén requiren unha inversión maior que as prestacións económicas.


Tamén destacou a aposta pola innovación tecnolóxica e a investigación como clave para avanzar no desenvolvemento do modelo de atención sociosanitario. O programa MiAvizor é un proxecto pioneiro e innovador no ámbito da teleprevención sociosanitaria, máis avanzado e completo que a teleasistencia tradicional. Mato expuxo que, tras a experiencia piloto do pasado ano, en 2013 vanse instalar 500 dispositivos en concellos do rural de Ourense e Lugo. De feito, xa se teñen instalado preto de cen.


Por último, Beatriz Mato referiuse á importancia da coordinación sociosanitaria que se evidencia no Plan Marco de Atención Sociosanitaria de Galicia, das áreas de Sanidade e Benestar. Un Plan que ten como destinatarios prioritarios a cinco perfís concretos e que estrutura en tres eixos de acción e 28 medidas específicas.


Para Mato, a coordinación, ademais de representar o compromiso do Goberno coa eficiencia na xestión, tradúcese nun aumento da calidade na atención as persoas que o precisan.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal