A Fundación Vodafone España presentou esta mañá en Barcelona as solucións de innovación social que mostrará na próxima edición do Mobile World Congress (que se celebrará entre o 25 e o 28 de febreiro), todas elas dirixidas a mellorar a calidade de vida das persoas a través da tecnoloxía. O acto contou coa presenza de Mari Satur Torre, Directora Xeral da Fundación Vodafone España, e Albert Buxadé, Director de Vodafone en Cataluña.
EntamAR: realidade aumentada para infancia hospitalizada
EntamAR é unha solución tecnolóxica de realidade aumentada liderada pola Cruz Vermella Mocidade e co asesoramento e colaboración da Fundación Tecsos, da Fundacion Vodafone España e da Cruz Vermella Española. Está dirixida a nenos que están a atravesar unha hospitalización de longa duración e que mediante o uso das diferentes funcionalidades poderán desenvolver a súa imaxinación, a súa creatividade, así como tamén a súa aprendizaxe nunha contorna de xogo utilizando as novas tecnoloxías.
A aplicación desta tecnoloxía, desenvolvida sobre a plataforma ONIRIX, lévase a cabo desde dous escenarios de uso. No primeiro, deseñaranse diferentes xogos (pistas, cluedo, escape room) nas zonas comúns do hospital con elementos de realidade aumentada para que os nenos e nenas ingresados poidan xogar e competir entre eles. O segundo escenario está máis enfocado á apropiación do espazo do hospital por parte dos nenos e nenas ingresados xa que terán a posibilidade de introducir de maneira virtual elementos 3D e 2D co fin de personalizar ao seu gusto a súa propia habitación ou outras zonas do hospital.
EntamAR forma parte do programa de "Infancia hospitalizada" impulsado pola Cruz Vermella Mocidade, no que case 2.000 voluntarios de toda España levan a cabo actividades de apoio escolar e de lecer e tempo libre con nenos e nenas en proceso de diagnóstico ou tratamento dunha enfermidade de longa duración nun centro hospitalario.
O primeiro piloto comezou a finais de 2018 no Hospital Universitario Central de Asturias (HUCA) en Oviedo. Nas próximas semanas levarase ao Hospital da Fe en Valencia e ao longo de 2019 espérase que o proxecto continúe o seu despregamento no resto de hospitais españois.
Gañadores da XII Edición dos "Premios Vodafone á Innovación"
Como cada ano estarán presentes tamén na caseta de Vodafone os proxectos galardoados na última edición dos "Premios Vodafone á Innovación".
Showleap: é unha solución que ten como obxectivo axudar na comunicación das persoas xordas ou con discapacidade auditiva permitíndolles comunicarse con calquera persoa oínte ou que non entenda a lingua de signos. O tradutor de lingua de signos Showleap está composto pola cámara do terminal do usuario que detecta o movemento e recoñece as imaxes da persoa que está signando e un software (que pode instalarse no móbil, tablet ou portátil do usuario) que traduce en tempo real o que a persoa xorda expresa en lingua de signos e pásao a texto e voz. Ademais, cando a persoa oínte fala á persoa xorda, a aplicación converte estas palabras a texto para que a persoa xorda poida lelas no seu dispositivo.
MJN-SERAS: é unha proposta desenvolvida por MJN Neuroserveis, que mediante un wearable en forma de audífono (personalizado con tecnoloxía 3D) e unha aplicación móbil que contén algoritmos de Intelixencia artificial, é capaz de medir de maneira continua o risco de sufrir unha crise de epilepsia, rexistrar as crises e almacenar os datos de actividade cerebral da persoa.
A aplicación ten como funcionalidade principal un semáforo de risco de crise. Se o semáforo está en verde implica risco baixo de crise, o que se traduce en calidade de vida para a persoa xa que pode programar actividades sen preocuparse de sufrir unha crise. O semáforo en vermello implica risco moi alto de crise polo que se inician os protocolos (programables) de seguridade. Estes protocolos van desde o aviso á persoa ou coidadores, como así tamén a xeolocalización. Ademais, o paciente debe sempre confirmar o seu estado despois dunha crise. De non ser así o sistema podería iniciar o protocolo de urxencia xa que significa que o paciente pode sufrir un accidente despois da crise.
Rexístrate como: