O 5 de febreiro foi o Día da Internet Segura, un evento internacional que pon de relevo a importancia de crear unha sociedade dixital amigable, útil e ceibe de ameazas para toda a comunidade en liña e, especialmente, para as novas xeracións. Á fronte da celebración galega do Día da Internet Segura sitúase o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), que renovou o seu chamamento a prol de facer medrar a concienciación da sociedade e o investimento das empresas en ciberseguridade, que deben estar listas ante un posible ciberdelito, que segundo asegura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, “actualmente xera máis diñeiro que o tráfico de drogas”. A celebración da xornada incluíu dúas sesións divulgadoras en Celanova e Leiro, en estreita colaboración coa Rede CeMIT.
Segundo lembra o CPEIG, o Día de Internet Segura (Safer Internet Day, SID polas súas siglas en inglés), é un evento promovido pola rede INSAFE/INHOPE co apoio da Comisión Europea, que se celebra cada mes de febreiro para promover “un uso seguro e positivo das tecnoloxías dixitais, poñendo o foco na nenez e na mocidade”. Este ano a celebración quere facer fincapé na vertente positiva da sociedade dixital e nas súas moitas vantaxes de desenvolvemento, formación, comunicación e progreso, de aí que o lema desta edición sexa Unha Internet mellor comeza contigo: convivindo con respecto para unha Internet segura.
O colexio tamén recorda que o obxectivo da devandita efeméride é “impulsar cambios positivos e concienciar sobre a seguridade en Internet”, coa finalidade de alcanzar “unha Internet mellor” e convertela “nun espazo no que todas as persoas e entidades fagan uso da tecnoloxía de maneira responsable, respectuosa, crítica e creativa”.
Máis en detalle, o presidente do CPEIG destaca que “se debe facer fincapé na importancia da ciberseguridade, privacidade e o uso seguro das TIC na contorna dos menores, co obxecto de protexer a súa reputación e a dos demais”. E engade: “Os pais ou titores deben manter un diálogo aberto cos seus fillos, educándoos no uso seguro e positivo da tecnoloxía e actuando como referentes de comportamento dixital”. Como dixemos, o CPEIG (no seu papel de aliado dixital do Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020) está a colaborar nas actividades programadas pola Rede CeMIT no Día da Internet Segura. Voluntarios colexiados do CPEIG impartiron dúas charlas na provincia de Ourense. Iván Luis Vázquez ofreceu a charla na aula CeMIT de Celanova e Julio Mosquera a actividade na aula CeMIT de Leiro.
O colexio aproveita a celebración deste día 5 para emitir unha serie de recomendacións:
Rexístrate como: