Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación do proxecto.

A secretaria de Estado de Turismo encomia o proxecto "Camiño de Santiago para todos" impulsado pola Fundación ONCE

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 30/01/19 (09:47)
  • "É un exemplo de colaboración público-privada levada á excelencia", recalcou Oliver na presentación da iniciativa en Fitur
A Fundación ONCE presentou este venres en Fitur o "Camiño de Santiago para todos", un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade do denominado Camiño Francés, o máis visitado polos peregrinos, que incluirá unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade visual ou intelectual. 
 
A secretaria de Estado de Turismo, Isabel María Oliver, e o presidente do Grupo Social ONCE, Miguel Carballeda, foron os encargados de dar a coñecer esta iniciativa, que conta coa colaboración de cinco comunidades autónomas -Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Galicia- e catro ministerios. Tamén participaron no proxecto Microsoft España, a Asociación Municipios do Camiño de Santiago e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago.
 
Na súa intervención, Oliver destacou a ampla participación de diversas entidades neste proxecto. "É o exemplo perfecto de colaboración público-privada levada a un extremo de excelencia", recalcou. Na súa opinión, trátase dunha iniciativa "marabillosa". "Douvos os parabéns a todos por ser capaces de chegar a este punto de sofisticación e anímovos a seguir colaborando". 
 
Neste traballo conxunto asegurou que teñen un aliado no Goberno de España e nesta Secretaría de Turismo para seguir traballando. "Cremos firmemente que a accesibilidade é moi importante no turismo e por suposto moi importante para moitas persoas". 
 
Na mesma liña, Carballeda agradeceu o traballo conxunto de institucións públicas e privadas para poñer en marcha este proxecto, "que axuda ás persoas, fainas máis libres e facilita as súas vidas". Neste sentido, sinalou que hai moito tempo que hai peregrinos con discapacidade facendo o Camiño de Santiago, "pero botando de menos algunhas cuestións" que se tratan de mellorar con esta iniciativa. Preténdese conseguir, engadiu, "un camiño máis accesible, un camiño máis xusto, onde podamos compartilo as persoas que temos discapacidade cos que non a teñen" e gozar así máis da experiencia. Finalmente, Miguel Carballeda  asegurou que os artífices do "Camiño de Santiago para todos" deben sentirse satisfeitos "de algo feito aquí para os cidadáns que poidan necesitalo, non só do noso país, senón de todo o mundo", xa que veñen de todas partes.
 
O acto contou tamén coa participación do vicepresidente executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán; o director xeral de Políticas de Discapacidade e director do Real Padroado sobre Discapacidade, Jesús Celada; os representantes de cada unha das cinco comunidades polas que transita o Camiño de Santiago francés, e a presidenta de Microsoft España, Pilar López.   
 
O proxecto
Como icona do "Camiño de Santiago para todos", deseñouse  un elemento en 3D que representa a unha peregrina e que será a imaxe identificativa dos puntos do camiño que conteñan información accesible (carteis e balizas beepcons). Os peregrinos dispoñerán desta información na aplicación do Camiño de Santiago do Instituto Xeográfico Nacional, que está a renovar ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade para engadir, entre outras melloras, un apartado sobre "Información turística accesible" co contido dos elementos asociados á cartelería ou beepcons. Ademais, haberá unha Guía do Peregrino que detalla o que se debe coñecer antes de comezar a realizar algunha das rutas do camiño. 
 
Tanto o sistema de beepcons como o tamaño da cartelería permitirán que os peregrinos detecten o punto informativo sen necesidade de achegarse demasiado a el, ou, mesmo, sen que estea visible. Desta forma, poderán detectar balizas nun radio de entre 15 e 30 metros mediante un sistema que os conducirá ata elas. Estas balizas utilizaranse para sinalizar puntos clave do Camiño, como bifurcacións ou entradas a municipios. En canto á cartelería, ofrecerá información relativa á propia aplicación (que é e onde descargala), así como ao momento concreto no que se atopa o usuario. Para acceder a esta información, os paneis dispoñen de códigos vumark. 
 
Ademais, a app permite ao peregrino acceder a alertas, notificacións ou información relativa a accesibilidade vinculada ao tramo do camiño no que se atope.
 
A descrición do proxecto pode verse no seguinte vídeo:
 

 

Tema: Xeral
Fonte: Fundación ONCE
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal