Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da nova versión de TUR4all.

A plataforma de Turismo Accesible TUR4all presenta a súa actualización colaborativa e multilingüe

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 22/01/19 (13:01)
  • O acto tivo lugar no auditorio da Secretaría de Estado de Turismo e contou coa asistencia de profesionais do sector turístico público e privado, e representantes das entidades sociais da discapacidade, nacionais e CAM

 

PREDIF, a Fundación Vodafone España e a Secretaría de Estado de Turismo presentaron hoxe a nova versión da plataforma de Turismo Accesible TUR4all no auditorio da Secretaria de Estado de Turismo, que destaca por ser colaborativa entre expertos e usuarios, multilingüe, e estar deseñada baixo criterios de accesibilidade universal, entre outras caracaterísticas.

Francisco Sardón Peláez, presidente de PREDIF, deu a benvida aos asistentes, e destacou que "TUR4all é a aplicación máis importante da Unión Europea sobre Turismo Accesible, con maior número de recursos analizados, máis de 5.000. Ademais, está deseñada con criterios de accesibilidade universal, aspecto primordial nas novas tecnoloxías"

Na inauguración participou Isabel María Oliver Sagreras, secretaria de Estado de Turismo de España, quen sinalou que "as persoas con discapacidade teñen o dereito de poder elixir a oferta de lecer que queira, en igualdade de oportunidades que o resto de cidadáns. Por iso, en España non só queremos ser líderes en turismo, senón tamén en turismo accesible, porque nos fai ser máis competitivos e acolledores. Para iso, desde a Secretaría de Estado de Turismo, expreso o meu compromiso de seguir colaborando coas entidades sociais para seguir avanzando".

Tamén interveu Ana Mendes Godinho, secretaria de Estado de Turismo de Portugal, quen remarcou o traballo colaborativo entre España e Portugal, "un traballo conxunto que ten un carácter simbólico por tres razóns: en primeiro lugar, porque o turismo accesible debe ser un dereito, porque o turismo é un instrumento para cambiar a vida das persoas e porque cando loitamos pola igualdade entre as persoas non hai fronteiras".

Pola súa banda, Jesús Á. Celada Pérez, director xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade, incidiu na importancia desta plataforma como "un gran exemplo do que se pode conseguir grazas á colaboración entre as administracións públicas, as empresas privadas e as entidades sociais".

Para Remedios Orrantia Pérez, patroa executiva da Fundación Vodafone España, "TUR4all é o mellor exemplo do compromiso da Fundación Vodafone España para transformar a vida das persoas con discapacidade por medio de solucións tecnolóxicas que lles permitan gozar do lecer en igualdade de oportunidades, un ámbito que mide a calidade de vida dos cidadáns".

A continuación, Tatiana Alemán Selva, directora técnica de Accesibilidade, Turismo e Cultura de PREDIF, realizou a presentación da plataforma de Turismo Accesible TUR4all. Nela destacou as principais novidades: colaborativa entre expertos e usuarios, dispoñible en 11 idiomas, facilita a procura de recursos, destinos, experiencias... baixo criterios de accesibilidade universal, e dispón de 17 categorías e 59 subcategorías (engade farmacias, caixeiros automáticos, transportes... demandas dos usuarios).

Posteriormente tivo lugar unha mesa redonda, moderada por Mari Satur Torre Calero, directora da Fundación Vodafone España, na que interviñeron: José Ramón del Pino, presidente da Federación Nacional Aspaym; Iván González, director de Atención e Información Turística de Madrid Destino; Yolanda Horrillo, Relación institucións e movemento asociativo, ILUNION Hotels; Ana García, presidenta de Accesible Portugal e representante de TUR4all en Portugal; e Tono Franco, socio-director de Globaldit.

 

Funcionalidades da plataforma

A plataforma ofrece información validada por técnicos especialistas, baseada nunha metodoloxía de avaliación da accesibilidade dos recursos turísticos, que consiste nun conxunto de cuestionarios de verificación dos criterios de accesibilidade, acordados por organizacións públicas e privadas que representan ás persoas con discapacidade e por representantes do sector turístico.

Para cada tipo de recurso turístico, a plataforma permite consultar toda a información relevante sobre accesibilidade, como condicións da entrada, circulación interior, habitacións adaptadas, área de restauración, área exterior e servizos e equipos.

A plataforma está dispoñible a través do seu sitio web (www.tur4all.com), desenvolvido por Javacoya, e da aplicación móbil gratuíta, implementada por Ilunion, descargable en Android e iOS.

Desde agora é posible acceder a TUR4all en 11 idiomas: portugués, castelán, inglés, francés, alemán, italiano, mandarín, galego, eúscaro, catalán e valenciano.

 

6 anos de alianza

TUR4all créase en 2012 como aplicación móbil e páxina web de turismo accesible promovida por PREDIF e a Fundación Vodafone España, que conta co apoio do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, ao ser un proxecto EMPRENDETUR I+D+i 2/2015, e da ENAT (Rede Europea de Turismo Accesible).

A plataforma ofrece información obxectiva sobre as condicións de accesibilidade dos aloxamentos, restaurantes e dos diferentes tipos de recursos turísticos. Ata 2016, todos os recursos turísticos publicados en TUR4all foron analizados por expertos en accesibilidade e desde 2017, os usuarios poden introducir novos recursos a través dun cuestionario de avaliación. Deste xeito, TUR4all converteuse nunha plataforma colaborativa na que os usuarios e expertos valoran, puntúan e comentan a accesibilidade dos establecementos turísticos. Ademais, é unha canle de promoción para os establecementos e destinos turísticos accesibles. Con TUR4all, PREDIF quere mellorar o turismo accesible en todo o mundo e xerar ás persoas con necesidades de accesibilidade maior confianza á hora de viaxar.

 

Acordo PREDIF e Accessible Portugal

En febreiro de 2018, PREDIF e a Fundación Vodafone España internacionalizaron TUR4all en Portugal, grazas á colaboración entre Accessible Portugal, a Fundación Vodafone Portugal e Turismo de Portugal, quen presentou en Lisboa a versión portuguesa de TUR4all, que permite consultar a oferta turística accesible de Portugal e España, creando así a primeira plataforma ibérica na área do turismo accesible.

O esforzo das tres entidades portuguesas contribuíu de maneira importante para a captación de novos segmentos do mercado internacional e para a reafirmación de Portugal como destino turístico inclusivo, o que responde as demandas do sector turísitco, e ademais, ten en conta os dereitos das persoas con discapacidade.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal