Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoas con discapacidade facendo o camiño.

A Fundación ONCE presenta en Fitur un proxecto para mellorar a accesibilidade do Camiño de Santiago

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 22/01/19 (12:45)
  • A Fundación ONCE presentará en Fitur o Camiño de Santiago para todos, un proxecto concibido para mellorar a accesibilidade do denominado Camiño Francés, o máis visitado polos peregrinos, que incluirá unha aplicación móbil con información accesible e fácil de entender, orientada especialmente ás persoas con discapacidade visual ou intelectual.

 

O proxecto, para cuxa execución a Fundación ONCE está a traballar en colaboración coas comunidades autónomas polas que pasa o Camiño Francés de Santiago, presentarase o vindeiro venres, 25 de xaneiro, ás 13.30 horas, no estand de Turespaña da Feira Internacional de Turismo.

 

Camiño de Santiago para todos

Como icona do Camiño de Santiago para todos, deseñouse un elemento en 3D que representa a unha peregrina e que será a imaxe identificativa dos puntos do camiño que conteñan información accesible (carteis e balizas beepcons).

Os peregrinos dispoñerán desta información a través da actualización e renovación da aplicación do Camiño de Santiago do Instituto Xeográfico Nacional, que esta sendo levada a cabo por ILUNION Tecnoloxía e Accesibilidade, e que contén datos culturais e prácticos sobre cada unha das etapas (albergues, monumentos, etc.), xunto a unha Guía do Peregrino que detalla o que se debe coñecer antes de comezar a realizar algunha das rutas do camiño.

A todo isto engadirase un apartado sobre "Información turística accesible" co contido dos elementos asociados á cartelería ou beepcon.

Tanto o sistema de beepcons como o tamaño da cartelería permitirán que os peregrinos detecten o punto informativo sen necesidade de achegarse demasiado a el, ou, mesmo, sen que estea visible. Desta forma, poderán detectar balizas nun radio de entre 15 e 30 metros mediante un sistema que os conducirá ata elas.

Estas balizas utilizaranse para sinalizar puntos clave do Camiño, como bifurcacións ou entradas a municipios. En canto á cartelería, ofrecerá información relativa á propia aplicación (que é e onde descargala), así como ao momento concreto no que se atopa o usuario.

Para acceder a esta información, os paneis dispoñen de códigos vumark.

Ademais, a app permite ao peregrino acceder a alertas, notificacións ou información relativa a accesibilidade vinculada ao tramo do camiño no que se atope.

A Fundación ONCE impulsará este proxecto no marco da Feira Internacional de Turismo (Fitur) que se celebra en Madrid do 23 ao 27 de xaneiro. Así, están previstos diversos actos en colaboración con Aragón (día 23 de xaneiro ás 10.30), A Rioxa (24 de xaneiro ás 10.30), Navarra (día 24 de xaneiro ás 12.00) e Castela e León (día 25 de xaneiro ás 11.00). Tamén se presentará o acordo xa subscrito coa Xunta de Galicia (día 23 de xaneiro ás 12.30).

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal