Lugo hai tempo que ten alicerces firmes para ser unha cidade intelixente, tal e como puidemos comprobar as repetidas veces que falamos do proxecto Lugo Smart City: unha iniciativa para converter a cidade en galega nunha urbe mellor xestionada, mellor comunicada, máis sustentable, máis áxil e eficiente na súa relación coa cidadanía, máis participativa e cun tráfico máis ordenado. Porén, o Goberno local entende que a aposta smart ten que vir ligada, tamén, a un factor que lle dá sentido e sustento: a accesibilidade.Precisamente o compromiso de Lugo coa accesibilidade vén de ser recoñecido hoxe como Cidade Mapcesible pola Fundación Telefónica.
Deste xeito, a urbe galega únese por dereito propio á sobranceira listaxe de localidades estatais que locen o devandito distintivo de “Mapcesible”, que é, tamén, o nome dunha aplicación móbil colaborativa para mapear a liberación de atrancos en España e que foi desenvolvida pola Fundación Telefónica en colaboración con COCEMFE e o Centro Lescer e co apoio técnico de Ilunion. A ferramenta, segundo informa a dita operadora, conta xa con máis de 21.000 puntos accesibles en todo o ámbito español, incluíndo restaurantes, centros de saúde, museos, cinemas, praias, prazas de estacionamento ou baños públicos. Arestora, a aplicación (dispoñible para iOS e Android) tira partido de 14 conxuntos de datos abertos de organismos oficiais, entre os que se atopa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e unha manchea de concellos de gobernos autonómicos. O obxectivo co que naceu a ferramenta foi o seguinte: crear unha plataforma intuitiva e doada de empregar para que calquera persoa, teña ou non mobilidade reducida, poida mapear a non existencia de obstáculos nos lugares que visita, ou, tamén, consultar as valoracións para planificar os seus desprazamentos diarios.
Entre os elementos que motivaron o devandito recoñecemento de Lugo figuran os seguintes: beirarrúas ampliadas, transporte público adaptado ou prazas de aparcadoiro reguladas, entre outras actuacións.
Un equipo formado por Voluntarios Telefónica e un grupo de persoas con mobilidade reducida da Asociación Auxilia de Lugo, acompañados pola alcaldesa Lara Méndez; Aquilino González, responsable de accesibilidade da Asociación AUXILIA, Joan Cruz, director de relacións institucionais de Fundación Telefónica; Marta Menéndez, directora autonómica de Telefónica Galicia; e Luis Rojo, responsable de relacións institucionais de Fundación Telefónica, foron os encargados de mapear hoxe a accesibilidade de diferentes espazos da cidade. No seu cometido, empregaron a devandita aplicación móbil Mapcesible.
Unha comunidade que medra
A día de hoxe a plataforma Mapcesible conta con máis de 21.000 puntos ceibes de atrancos. Ademais dos lugares subidos polos propios usuarios, máis de 3.800 mapcesibilistas, a aplicación incorpora 14 datasets de organismos oficiais. O proxecto, que naceu da colaboración de máis de 700 voluntarios Telefónica, ten a súa orixe na necesidade de pór de relevo a accesibilidade como un problema de todas e todos, poñendo o foco no potencial participativo e visualizador da tecnoloxía. Isto comezou a fraguarse no Centro Lescer (especializado en rehabilitación neurolóxica e de dano cerebral), onde se estaban a desenvolver obradoiros de rehabilitación para persoas que perderan mobilidade por diversas enfermidades. Segundo informa Telefónica, unha das claves de Mapcesible é que está aberto a toda a sociedade, permitindo así que calquera persoa se converta en voluntario dixital e poida colaborar coa accesibilidade mapeando novos lugares, logrando sensibilizar á sociedade de que a accesibilidade é cousa de todos.
Rexístrate como: