A confederación COGAMI, entidade envorcada en derrubar todo tipo de barreiras arredor dos colectivos con capacidades funcionais e cognitivas diversas, vén de facer balance do acadado en 2018 co seu programa de actividades para os profesionais da educación, moitas delas centradas (precisamente) en complementar a formación tecnolóxico-dixital dos participantes. Segundo fai saber no seu informe, a confederación forneceu adestramento TIC a 112 docentes, o que se viu complementado con accións de sensibilización para 208 educadores e 1.846 alumnas e alumnos dos centros de ensino.
Estas iniciativas de formación foron realizadas en 60 centros de A Coruña, Lugo e Vigo a través dun proxecto denominado Promoción da Educación Inclusiva e de Soporte á Atención ao Alumnado con Necesidades Específicas por Motivos da súa Discapacidade que financia a confederación estatal COCEMFE a través dos fondos que lle chegan do 0,7% do IRPF, coñecido como X Solidario.
Segundo informa COGAMI, o proxecto estableceu unha rede de titoras ou titores tecnolóxicos de apoio ao profesorado para a atención do alumnado con necesidades específicas, con apoio das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). O obxectivo foi “promover melloras na aprendizaxe e previr o fracaso e/ou abandono escolar nos ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios, grazas á introdución de metodoloxías e tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do alumnado”.
Esta rede de titorías encargáronse tamén de “motivar, sensibilizar, acompañar, informar e formar no manexo das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que tiña nas súas aulas estudantes que requiren este tipo de soporte”. Ademais, tamén se impartiron contidos ao profesorado para mellorar o coñecemento sobre as tecnoloxías e dispositivos de apoio necesarios para casos concretos, así como as diferentes solucións de accesibilidade para dispositivos a través do software.
Rexístrate como: