Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Unha persoa utiliza unha liña braille.

Breaking Barriers crece para axudar a alumnos con discapacidade visual

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 05/12/18 (09:02)

Hai meses falámosvos de Breaking Sound Barriers, a aplicación desenvolvida polos estudantes do programa Talentum de Telefónica que axuda a mozos con discapacidade auditiva no ámbito académico. Agora, os creadores desta ferramenta presentaron unha nova versión pensada tamén para estudantes con discapacidade visual.

Nesta nova versión, a discapacidade auditiva deixa de ser a única á que vai dirixida a aplicación e por iso cambia o seu nome, no canto de Breaking Sound Barriers agora chámase Breaking Barriers.

Esta aplicación permite que os alumnos e os profesores estean conectados mediante a tecnoloxía, facilitando que os estudantes con discapacidade auditiva ou visual poidan seguir as explicacións, presentar as súas dúbidas e recibir as respostas.

No caso dos alumnos con discapacidade auditiva, a aplicación traduce a texto a voz do profesor, mentres que, para aqueles con discapacidade visual, Breaking Barriers pasa as explicacións a liña braille.

O uso da aplicación é moi sinxelo. Hai dúas opcións, unha é que o instrutor cre unha sala privada nunha rede wifi á que se unen os alumnos para recibir a transcrición das explicacións.

A outra posibilidade é utilizalo de modo individual, cando o usuario teña a necesidade de mellorar a comunicación coa súa contorna. Desta forma, pódese usar a aplicación no día a día, podendo a persoa que o utiliza responder utilizando o teclado da súa propia pantalla ou desde a liña braille.

Breaking Barriers é un excepcional caso de éxito de como a tecnoloxía pode axudar a persoas con discapacidade en ámbitos tan importantes como o académico, e demostra a importancia da evolución dos proxectos para adaptarse ás necesidades dos usuarios.

Tema: Xeral
Fonte: Tecnobility
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal