Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Presentación da XuvenLugo.

Os videoxogos tamén terán cabida en XuvenLugo

Versión para impresiónSend by email
Lugo, 04/12/18 (11:27)

Esta semana, o mércores, abre as súas portas o salón XuvenLugo, sen dúbida unha das actividades estrela deste Nadal para a rapazada e as súas familias. E por que motivo? Pois, en primeiro lugar, porque o programa de accións e recantos de lecer é tan extenso, que practicamente non quedará ámbito de actividades por cubrir. Mesmo haberá un recanto para os videoxogos e a temática dixital. Segundo fixo saber a organización (Deputación, Concello e Pazo de Feiras e Congresos), a previsión este ano é a de conseguir a asistencia de 20.000 persoas

Sen dúbida un dos puntos fortes da cita é as posibilidades de conciliación laboral e familiar que pon en xogo XuvenLugo, achegando aos pequenos un espazo de divertimento, formación e lecer mentres a vida laboral de nais e pais prosegue. 

O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o xerente do Pazo de Feiras e Congresos, Rubén López, presentaron este luns a programación para esta nova edición, que terá lugar do 5 de decembro ao 7 de xaneiro en dous pavillóns e un corredor do Pazo de Feiras e Congresos. Ao acto tamén asistiu un representante de Caixabank, patrocinador da cita. 

Santos Ramos subliñou o carácter educativo e lúdico de XuvenLugo, “un espazo no que pode convivir e participar toda a familia”; así como o éxito que vai gañado ano tras ano o acontecemento, con máis de 15.000 visitantes a pasada edición e agardando este ano a visita de 20.000 persoas.

XuvenLugo, que conta cunha colaboración conxunta de 15.000 euros da entidade local e provincial, abrirá as súas portas en xornada de tarde, de 16:30 horas a 20:30 horas, nas seguintes datas: do 5 ao 9 de decembro, do 14 ao 16 de decembro; do 21 ao 23 de decembro; do 25 ao 30 de decembro; do 1 ao 4 de xaneiro de 2018; e 6 e 7 de xaneiro de 2018; con prezos atractivos. 

Amais dunha manchea de actividades e recantos relacionados cos xogos tradicionais, acubillará un espazo adicado ao lecer dixital. Estará situado na Área Lúdica e consistirá nunha zona de xogos recreativos no que, segundo apuntaron os organizadores, as rapazas e rapaces participantes terán a oportunidade de converterse en protagonistas de videoxogos.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal