O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) participou o pasado 24 de novembro na programación da Mobile Week Coruña, un evento tecnolóxico referencial que situou a cidade herculina, na súa primeira entrega, no epicentro do debate, a reflexión e a divulgación arredor das TIC. O implicación do colexio materializouse primeiro en dúas xornadas do programa Navega con Rumbo, destinado a alumnado, docentes e familias. Celebráronse no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña e tiveron como obxectivo guiar aos escolares para acadaren recursos que garantan que as súas sesións na Internet son seguras, responsables e útiles.
Tamén se buscou dotalos de formación para que eviten ser vítimas de ciberacoso. Ao tempo, Navega con Rumbo adoita implicar directamente nas sesións divulgativas a nais, pais e profesores; e as sesións celebradas na Mobile Week Coruña non foron unha excepción.
Segundo fixo saber o CPEIG respecto dos métodos para conseguir navegacións de valor e protexidas, resulta de vital relevancia contarmos con contrasinais fortes, e mesmo ter un pequeno feixe deles para ir mudándoos cada pouco. O colexio tentou implicar ás nais e pais acudiron ao centro cívico, co fin de que “actúen como correa de transmisión”, orientando aos seus fillos no emprego das novas tecnoloxías. A entidade profesional tamén quixo poñer o foco no positivo das TIC, e de como ao final do camiño, malia os riscos e os usos erróneos das redes, as vantaxes prevalecen (con moito) sobre o demais: “A Internet é divertida e útil. Podes buscar información para realizar os teus traballos e tamén coñecer unha chea de persoas ou divertirte xogando”. En definitiva, as posibilidades son moitas, variadas e interesantes, pero cómpre usar o sentido común. Amais das actividades no centro cívico, o colexio organizou en ExpoCoruña un obradoiro de pilotaxe de drons para nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 16 anos. E, finalmente, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e a experta en seguridade en Internet e membro da xunta directiva do CPEIG, Pilar Vila Avendaño, participaron na mesa de debate sobre Ética e tecnoloxía, que se celebrou no Paraninfo da Universidade da Coruña ao abeiro da Mobile Week. Reflexionouse sobre as oportunidades e desafíos que ofrecen as novas tecnoloxías, a Intelixencia Artificial, o uso de datos persoais, os datos a gran escala (Big Data) e os límites que poden formularse neste eido.
Rexístrate como: