Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
A conselleira na clausura do XX Congreso Estatal do Voluntariado

Fabiola García destaca que o XX Congreso Estatal do Voluntariado cumpriu o obxectivo de “difundir, fomentar e prestixiar” o labor solidario

A conselleira de Política Social, Fabiola García destacou durante a clausura do XX Congreso Estatal do Voluntariadoo éxito deste evento que permitiu “difundir, fomentar e prestixiar o labor solidario e desinteresado de persoas e entidades”.

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 30/11/18 (09:38)
  • Salienta que o evento puxo de novo de manifesto o “selo solidario dunha Galicia aberta, hospitalaria e sempre disposta a botar unha man”
  • No último ano incrementouse un 35% o número de persoas implicadas en accións de voluntariado e hoxe son máis de 7700
  • Galicia é a única rexión de España e da Unión Europea que recoñece cun certificado oficial o traballo deste colectivo

A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta tarde, durante a clausura do XX Congreso Estatal do Voluntariado, que se celebrou onte e hoxe en Expourense, o éxito deste evento que permitiu “difundir, fomentar e prestixiar o labor solidario e desinteresado de persoas e entidades”. Tamén apuntou que este congreso fixo da comunidade “a capital do voluntariado en España” e puxo de novo de manifesto o “selo solidario dunha Galicia aberta, hospitalaria e sempre disposta a botar unha man”.

Na súa intervención, Fabiola García subliñou o feito de que en Galicia a participación do voluntariado sexa cada vez maior, con máis de 7700 persoas activas neste ámbito na actualidade, o que supón un incremento do 35% no último ano. Nesta liña, garantiu o apoio da Xunta a todas aquelas accións que signifiquen máis benestar como é o caso dos programas de voluntariado social, ambiental ou cultural que están en marcha nestes momentos.

A conselleira fixo fincapé en que Galicia é a única Comunidade Autónoma e a única rexión europea que acredita a acción voluntaria, un recoñecemento homologado pola Unión Europea útil para completar o currículo. Así mesmo, avogou pola colaboración entre administracións, entidades e voluntariado para seguir a avanzar na construción dunha sociedade mellor.

Fabiola agradeceu aos voluntarios, entidades e institucións de toda España a súa participaron neste congreso, así como ao comité científico, técnico e de expertos do mesmo, que estivo formado pola Plataforma do Voluntariado en España, as tres universidades galegas e entidades sociais.

 

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal