Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Momento do evento.

O III Campus Abanca ilustrou á mocidade nas profesións do futuro

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 29/11/18 (09:48)

Abanca e a súa Obra Social, Afundación, organizaron a terceira edición do Campus Abanca, iniciativa para estimular o emprendemento, a innovación social e as competencias persoais entre a mocidade, integrándose nesta ocasión na I Feira de Innovación USC-Abanca no edificio CINC da Cidade da Cultura.

Durante a xornada desenvolveuse o congreso Campus Abanca, que tivo como máximo expoñente un par de mesas redondas nas que se achegaron moitas das novas oportunidades profesionais que poden xurdir na actualidade, que se afastan dos empregos tradicionais, pero que poden ser un exemplo inspirador para a orientación do futuro laboral da mocidade actual. Na primeira mesa redonda da mañá participaron exemplos de profesionais que souberon dedicarse ao que lle apaixona, como o bicampeón de España de kickboxing Manu Míguez, os artistas Marcos M. PuhingerÁlex Rivas de Gamerswalk e o localizador de videoxogos Ramón Méndez. Precisamente estes dous últimos, ao dedicarse ao sector dos videoxogos, foron os que captaron a maior atención do público, entre o que non faltaban estudantes que querían orientar a súa carreira a ese sector, con dúbidas de se en Galicia habería industria que puidese acollelos.

A segunda mesa redonda, coa que completáronse as actividades da mañá, xuntou a profesionais que chegaban de ámbitos moi dispares, pero que actualmente viven en boa medida da súa reputación pública e do público que congregan, o que nuns casos lévalles a conseguir patrocinios e noutros contratacións, pero que finalmente podemos dicir que é xente que vive de traballos que até hai poucos anos parecería imposible.

Por exemplo, María Olveira explicou como puido orientar a súa actividade ao mundo da moda na Internet, aproveitando a ocasión para advertir dos riscos que supoñen o uso de plataformas de comunicación globais como Instagram (xa que hai poucas semanas a súa conta de usuario foi secuestrada); por outra banda Luzía Piñero explicou como orientou a súa carreira profesional de educación física ao personal training e á nutrición grazas á Rede, en vez de seguir as canles tradicionais e dedicarse á docencia; o emprendedor Marcos Pérez explicou como a través dos seus traballos pode tecer unha rede que o leva a establecer comunicacións coas persoas e empresas que rematan contratándoo para atender as súas necesidades; e finalmente os youtubeiros FatiVazquez e TOBBALink, con máis de 600.000 e 1,5 millóns de subscritores respectivamente, serviron de exemplo de como abandonar traballos tradicionais para realizarse cunha actividade coa que gozan máis, como é a produción de contidos para plataformas en liña como YouTube.

Completouse así unha xornada que para os mozos foi principalmente un xeito de ver como hai profesionais que viven de actividades que na súa meirande parte nin sequera existían hai unha década, polo que cómpre ter iso en consideración á hora de explorar oportunidades de cara ao futuro laboral.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal