Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Pantallazo da web.

Unha plataforma baseada en intelixencia artificial axuda a buscar traballo e formarse para empregos dixitais

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 28/11/18 (10:32)

Unha ferramenta baseada en intelixencia artificial creada para fomentar a nova empregabilidade e dirixida a todas as persoas que queiran reciclarse para atopar oportunidades laborais en empregos dixitais. Así é a plataforma Conecta Emprego que presentou a Fundación Telefónica.

Servíndose de intelixencia artificial, a plataforma define en tempo real os vinte e tres perfís dixitais máis demandados, mostra as vacantes por provincia, asesora a través dun orientador profesional virtual a aqueles que buscan emprego e ofrece formación online e presencial para adquirir as habilidades e coñecementos necesarios para acceder a estes postos. A plataforma conta con datos de InfoJobs.

Cada vez hai máis empresas do sector tecnolóxico que demandan profesionais en empregos emerxentes, aqueles que apenas existían a comezos da década. Son empregos vinculados á innovación, á tecnoloxía ou á transformación dixital que adoitan ter un baixo nivel de competencia.

 

Perfís máis demandados

Entre eles, segundo datos do Informe Anual de InfoJobs 2017, destaca o de analista de datos, un emprego do cal en 2008 apenas había 200 ofertas e do que en 2017 houbo case 1.500 vacantes. Entre estes postos destacan tamén "data scientist" e outros en auxe, como especialista en robótica, ciberseguridade, Agile/Scrum ou user experience.

En primeiro lugar, a plataforma Conecta Emprego detecta en tempo real os vinte e tres perfís dixitais con maior demanda de emprego en España e mostra un vídeo sobre cada un deles para coñecer o seu uso e as súas aplicacións na sociedade. Entre os máis demandados, atópanse o de desenvolvedor Java (máis de 5.000), "back end", "frontend", "fullstack" e "bases de datos".

En segundo lugar, a web ofrece un mapa interactivo de España que mostra ao usuario os perfís dixitais máis demandados por provincia. Neste momento, Madrid é a provincia con máis oferta laboral nestes perfís con 20.045 postos, o primeiro dos cales é desenvolvedor Java con 4.718. Séguelle Barcelona con 8.391 vacantes dixitais, a maioría de desenvolvedor back end, e Valencia con 1.286 e Sevilla con 1.222 de desenvolvedor Java.

 

Orientador virtual

A plataforma ofrece un orientador profesional virtual que facilita recomendacións personalizadas de formación en competencias para que o usuario elixa. Solicita información de ofertas de emprego, detecta cales son as máis repetidas e, polo tanto, as máis demandadas; identifica cales son os coñecementos técnicos máis comúns nas ofertas sobre cada unha desas profesións e indica que cursos, tanto gratuítos como de pago, son necesarios para formarse nestes coñecementos.

Así, o orientador, a través da intelixencia artificial, vai aprendendo da interacción cos usuarios, dos cales solicita información para ir mellorando as súas respostas e ofrecer a formación adecuada ás necesidades de cada un. Segundo informa a Fundación Telefónica, o orientador atópase na actualidade en fase de desenvolvemento e a súa eficacia irá aumentando coa participación de cada usuario.

Tema: Xeral
Fonte: esmartcity.es
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal