O Concello de Lugo está a organizar unha serie de programas para previr as drogodependencias e os malos hábitos asociados ás novas ferramentas tecnolóxicas entre a mocidade. Unha destas actividades celebrouse a semana pasada, no Vello Cárcere, e veu con feitura de debate sobre redes sociais e xuventude. Na cita, inaugurada pola concelleira de Cultura, Carmen Basadre, abordouse de cheo a problemática dun uso das TIC sen supervisión e asesoramento e da violencia en calquera das súas manifestacións ligada ás novas tecnoloxías.
Nesta iniciativa participaron tamén o delegado de participación cidadá da Policía Nacional, Rubén Darío Veiga, e mailo presidente da Audiencia Provincial de Lugo, José Antonio Varela Agrelo, amais de representantes das ANPA de Lugo e do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. Ademais, a charla contou coas intervencións e testemuños en primeira persoa de vítimas de ciberacoso e os seus familiares. A xornalista e redactora de Onda Cero, Lourdes Abuide, foi a encargada de moderar a mesa.
Esta actividade inseriuse no programa de obradoiros PREVILugo, destinados a levar valores educativos e de prevención de drogodependencias a centros educativos do concello. As xeiras de divulgación versan sobre educación afectivo-sexual, técnicas de estudo, novas tecnoloxías e bullying.
Tamén se ofrecen outras actividades como unha charla e documental, unha xornada sobre saúde na escola, un obradoiro dramatizado sobre o abuso das novas tecnoloxías ou un monográfico sobre a verdade do cannabis.
O programa foi presentado hai uns días pola propia Carmen Basadre, quen puxo o foco nun dos seus principais cometidos: fornecer á cidadanía, dende idades temperás, dunha ferramenta de traballo para fomentar en valores como a igualdade ou a non violencia. A iniciativa, amais de actividades como a desenvolvida no Vello Cárcere da que falamos antes, achega catro sesións diferentes para o alumnado de ESO e Bacharelato, a disposición dos centros participantes: sesións de educación afectivo-sexual, de técnicas de estudo, de acoso (bullying) e de novas tecnoloxías (facendo fincapé nos aparellos tecnolóxicos, nas redes sociais e nos xogos de apostas).
Así mesmo haberá charlas formativas, con material audiovisual e un debate sobre a temática exposta. Todos os centros interesados en solicitar estes obradoiros ou en obter máis información poden facelo na área de xuventude, no teléfono 982 297 269, ou ben na conta de correo da técnico deste servizo, mariajose.pena@concellodelugo.org.
Rexístrate como: