Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mans sobre o teclado dun portátil.

Propostas dixitais españolas que destacan en Europa

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 23/11/18 (13:10)
  • A publicación Financial Times elixe os '100 campións dixitais de Europa', entre as que hai oito compañías con base no noso país.

 

Europa está a vivir unha consolidación do proceso de transformación dixital, con iniciativas que denotan un maior grao de madurez no proceso. A nivel empresarial, as compañías viron favorecido un cambio no modelo de negocio, que mesmo as abocou a escalar as súas iniciativas dixitais. Pero a aplicación das novas tecnoloxías e sistemas informáticos pódese visualizar mediante un foco máis amplo que o da dixitalización das empresas. A través deste, o cambio canalízase por múltiples vías: con iniciativas formativas, comerciais ou sociais, mediante a evolución do modelo de negocio ou da infraestrutura corporativa ou a través da figura de determinados especialistas, que basean o seu perfil profesional na difusión do seu uso. 

Neste contexto, hai varias persoas, organizacións e iniciativas que destacan sobre outras, con proxectos que serven de referencia. O medio especializado Financial Times acaba de publicar unha listaxe dos que denomina "100 campións dixitais de Europa". A presenza española na táboa vén marcada por oito compañías, que serían as que lideran no terreo dixital, desde distintos focos.

En relación a como se enfocou o proceso de transformación dixital nas organizacións, destácase o traballo de Asti Technologies, BBVA, Seat e TelefónicaAsti é unha empresa de Burgos que, desde que a súa CEO Verónica Pascual asumiu o cargo en 2006, expandiu a nivel internacional o seu negocio de enxeñería robótica móbil para usos en loxística, ademais de ampliar os seus recursos en investigación e as colaboracións con entidades deste campo. De BBVA destaca o uso de tecnoloxías como IA, big data ou blockchain, que se traduciu na redución de custos operativos e o crecemento da base de clientes. Seat conta cun programa de innovación aberta nunha das súas plantas para abordar novos retos en fabricación, mentres que en Telefónica esperan que o uso de analítica e outras ferramentas dixitais lles axude a aforrarse 1.000 millóns de euros para 2020. 

Fonetic, unha compañía creada en 2006, é unha das destacadas como provedoras de novas tecnoloxías e modelos de negocio para outras organizacións. Esta startup, que por certo ten entre os seus clientes a BBVA e Telefónica, está especializada en tecnoloxías de análises de voz para combater a fraude no sector financeiro. Fundación Cibervoluntarios céntrase no terreo da formación en novas tecnoloxías. Esta entidade sen ánimo de lucro tenta difundir o uso social de ferramentas TIC, especialmente entre sectores en risco de exclusión en termos dixitais, coa finalidade de paliar brechas, mellorar a capacitación de cada cidadán e xerar innovación social. A organización componse dunha rede de máis de 1.500 voluntarios. 

Tamén en relación aos usos da tecnoloxía para temas sociais, aínda que abordándoo menos desde a formación e máis desde a aplicación directa, está Fab Lab Barcelona. Este centro defínese como un "laboratorio de fabrciación dixital", no que se manteñen distintos programas nos que desenvolver iniciativas a través das cales canalizar o uso de novas tecnoloxías en melloras para a sociedade. Voluntechies é unha organización relativamente recente, de 2015, que centra o seu traballo en persoas en situación de vulnerabilidade mediante a aplicación de realidade virtual e ferramentas similares. A súa proposta céntrase na realización de talleres de realidade virtual con menores hospitalizados, anciáns ou persoas con discapacidade. Unha iniciativa coa que tentan contribuír ao seu benestar ao permitirlles saír das súas situacións, se non fisicamente, polo menos de forma virtual.

Tema: Xeral
Fonte: Ciospain
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal