A compañía R de cable prosegue con máis formación tecnolóxica entretida (e creativa) para nenas e nenos. Falamos do itinerario de obradoiros de Crea R pola nosa xeografía, unha xira que chegou recentemente á feira de emprendemento Pont Up Store de Pontevedra e a Baiona, para logo enfiar cara a Xuventude Galicia Net (en Silleda), Ribadeo, Tui e (máis recentemente) Caldas. Agora o percorrido (que o ano pasado recalou nunha vintena de localidades das nosas catro provincias) fai unha parada en Santa Comba, este 17 de novembro. A seguinte cita será no marco da Mobile Week da Coruña. Novamente, o obxectivo é “potenciar a creatividade da rapazada e espertar o seu espírito emprendedor”.
En Santa Comba a actividade celebrarse no Edificio Multiusos Terra de Xallas (rúa Curros Enrquez s/n), onde se desenvolverán 3 obradoiros de robótica para 60 rapazas e rapaces. Haberá unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán a xornada, unha actividade que busca que a rapazada aprenda mentres se divirte, creando tecnoloxía e non limitándose só a seren simples consumidores de contidos e hardware.
En termos máis concretos, no transcurso do obradoiro os cativos van ter oportunidade dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. “Grazas a Crea R”, sinala a operadora, “achegaranse dun xeito natural a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso. Construirán coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido”.Tanto na cita de Santa Comba coma en todas as demais, a operadora conta coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo.
Cada un dos talleres de robótica está limitado a 20 persoas e as familias que desexen inscribir os seus fillos nesta actividade, completamente gratuíta, só teñen que solicitar unha entrada no distribuidor de R Infozone-Ordenadores (rúa Pontevedra, 26) onde se entregan, dende o pasado 6 de novembro e ata este venres 16. Ademais, a compañía lembra que non se trata dun obradoiro exclusivo para clientes de R; xa que calquera veciña e veciño pode solicitar unha entrada para a sesión. Os obradoiros crea R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta (a través da AMTEGA) para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.
Rexístrate como: