A Xunta de Galicia vén de recibir o recoñecemento da Rede Europea de Servizos Sociais (European Social Network-ESN) polo ‘Proxecto Mandela’, promovido pola Consellería de Política Social e que está dirixido a facilitar a integración social e laboral das persoas que están a piques de cumprir o seu período de reclusión. Así, esta rede internacional vén de destacar esta iniciativa, que se desenvolve no cárcere de Teixeiro, como unha ‘boa práctica’ en materia de políticas activas de inclusión.
Ademais, a Rede Europea de Servizos Sociais valorou especialmente o éxito desta proposta como un exemplo de actuación conxunta entre administracións, e coa participación tamén da sociedade civil. De feito, xunto coa Dirección Xeral de Inclusión Social e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, están implicados o Ministerio do Interior e a Fundación La Caixa. Ao respecto, hay que salientar que esta última entidade enriqueceu o proxecto cunha acción de voluntariado de persoas maiores do Centro Sociocomunitario de Vilalba, que apoia ás persoas reclusas que están máis próximas a saír da cadea na aprendizaxe e adquisición de competencias no campo da informática, internet e o uso de aplicacións.
O ‘Proxecto Mandela’ fai que Galicia sexa pioneira e un referente para o resto de comunidades autónomas á hora de traballar para facilitar o tránsito cara á liberdade da poboación reclusa. Desde a súa posta en marcha no ano 2008, ao redor dun millar de reclusos acolléronse a este programa que dirixe un equipo de inclusión social da Xunta composto por tres profesionais, con dedicación completa e exclusiva. Este persoal ocúpase de deseñar os itinerarios de inserción e da organización dos obradoiros que se desenvolven, os cales están encamiñados á adquisición e mantemento de competencias persoais dos reclusos participantes, así como á aprendizaxe de habilidades e destrezas básicas dirixidas ao emprego.
Así mesmo, cada interno ten o seu programa individualizado de tratamento e o seu itinerario de inserción sociolaboral. Todos os participantes no programa están en idade laboral e, pola súa traxectoria e duración da condena, poden optar a un terceiro grao nun prazo medio de tempo. Unha vez que os internos acadan a liberdade realízase un seguimento do seu proceso de inserción social e laboral, en coordinación cos servizos sociais municipais.
Coincidindo co recoñecemento como boa práctica europea, o ‘Proxecto Mandela’ será un dos exemplos de intervención social que se analizará nun seminario sobre activación inclusiva que terá lugar na cidade de Viena os vindeiros días 5 e 6 de novembro. Este simposio, que conta co apoio da Presidencia austríaca da Unión Europea, estudará como os servizos sociais están axudando a encontrar e reter empregos ás persoas en situación ou con maior risco de exclusión.
Neste sentido, este encontro busca contrastar a evidencia de que a integración dos diferentes servizos públicos que lles brindan apoio ás persoas máis vulnerables ten que ser unha prioridade para mellorar os resultados das intervencións que se realicen coas mesmas.
A Rede Europea de Servizos Sociais é unha plataforma de máis de 125 entidades membros en 33 países que comprende asociacións; departamentos da área de benestar de gobernos rexionais, condados e municipios; axencias reguladoras e de financiamento; universidades e outras organizacións de investigación e desenvolvemento. Esta Rede conta co apoio do Programa da Unión Europea para o Emprego e a Innovación Social 2014-2020.
Rexístrate como: