Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

Os obradoiros de robótica e programación Crea R chegan esta fin de semana a Caldas de Reis

Versión para impresiónSend by email
Caldas de Reis, 31/10/18 (08:41)

A operadora R segue adiante este outono con máis formación divertida (e enriquecedora) para nenas e nenos. Estamos a falar da xira dos obradoiros de Crea R pola nosa xeografía, unha xira que hai pouco recalou na feira de emprendemento Pont Up Store de Pontevedra e máis en Baiona, para logo proseguir en Xuventude Galicia Net (en Silleda), Ribadeo e Tui. Agora o percorrido (que o ano pasado chegou a unha vintena de localidades das nosas catro provincias) fai unha parada en Caldas de Reis, este 3 de novembro. As seguintes citas serán no Porriño, Santa Comba e no marco da Mobile Week da Coruña. Unha vez máis, a idea é “potenciar a creatividade da rapazada e espertar o seu espírito emprendedor”. 

En Caldas de Reis a cita será na Sociedade Mercantil Recreativa Caldense (rúa Padres Pasionistas, 14), onde se desenvolverán 3 obradoiros de robótica para 60 rapazas e rapaces. Haberá unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 e 10 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 h, rapaces de 11 a 13 anos rematarán a xornada, unha actividade que busca que a rapazada aprenda mentres se divirte, creando tecnoloxía e non limitándose só a seren simples consumidores de contidos e hardware. 

En termos máis concretos, no transcurso do obradoiro os cativos van ter oportunidade dar forma a un prototipo tecnolóxico utilizando placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. “Grazas a Crea R”, sinala a operadora, “achegaranse dun xeito natural a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso. Construirán coches para que aceleren, robots para que camiñen ou mesmo marcadores para levar a conta dos puntos dun equipo nun partido”. Tanto na cita de Caldas de Reis coma nas seguintes, a operadora contará coa colaboración da escola Líbolis Pequenos Emprendedores o eu método educativo. 

Cada un dos talleres de robótica está limitado a 20 persoas e as familias que desexen inscribir os seus fillos nesta actividade, completamente gratuíta, só teñen que solicitar unha entrada no punto de venda R Electrodomésticos Roberto Quintela (avenida Dolores Mosquera, 12, Caldas de Reis) onde se entregan, dende o pasado día 23 de outubro e até este venres, 2 de novembro. R lembra que non se trata dunha actividade exclusiva para clientes de R, xa que calquera veciño pode solicitar unha entrada para o obradoiro. Os obradoiros Crea R enmárcanse no programa Digitalent 2020 da Xunta -a través da AMTEGA- para estimular o talento precoz no ámbito das TIC e fomentar vocacións nas profesións científico-tecnolóxicas especialmente entre mozos e mozas dende idades temperás.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal