Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

A Comisión Europea elixe o programa de Voluntariado Dixital da Xunta como exemplo de boa práctica para a inclusión social a través das TIC


  • Esta iniciativa do Goberno galego será analizada nun seminario Peer Review por expertos de inclusión social doutros estados da Unión Europea

  • As xornadas celebraranse en Santiago de Compostela este outono

  • O Programa de Voluntariado Dixital que busca incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá dos maiores e das persoas con discapacidade, conta con 274 entidades e voluntarios adscritos

Versión para impresiónSend by email
Santiago, 29/04/13 (08:58)

A Comisión Europea vén de anunciar que o Programa de Voluntariado Dixital da Xunta será obxecto dun seminario Peer Review a nivel europeo como exemplo de boa práctica en materia de inclusión social a través das TIC.


Os seminarios Peer Review ou avaliacións por pares son unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea para difundir entre os países membro iniciativas e proxectos de interese en determinados ámbitos para fomentar a aprendizaxe e o intercambio de información a través da avaliación e a análise crítica por parte de expertos nesa materia. Este método supón que o Estado membro, cuxa iniciativa resultou elixida, organiza un seminario no seu territorio ao que invita representantes doutros países.


Santiago, sede do seminario


O seminario para analizar o Programa de Voluntariado Dixital celebrarase en Santiago de Compostela este outono. A capital galega acollerá a expertos europeos en políticas de protección social, inclusión social e novas tecnoloxías que estudarán a efectividade desta iniciativa.


Os Peer Review permiten aos gobernos, que se someten a revisión, coñecer as opinións e experiencias dos seus homólogos europeos na devandita política e, deste xeito, deseñar e implementar políticas máis efectivas no futuro. Tamén favorece o diálogo cos grupos de interese: axentes sociais, ONG e mesmo, nalgunhas ocasións, coas persoas ás cales se dirixen a política en cuestión.


Para cada Peer Review prepárase un documento de discusión, elaborado por un experto independente e, nalgúns casos, compleméntase cun informe elaborado por un experto do país anfitrión. Ademais, os Estados membro e os grupos de interese europeos invitados ao seminario elaboran informes de opinión que se engaden ao documento.


Durante 2013 organizanse 5 seminarios deste tipo a nivel europeo, dous deles en España, cos que se busca fomentar a aprendizaxe mutua entre países e promover a difusión de boas prácticas entre os estados membros.


Programa de Voluntariado Dixital


Esta iniciativa, posta en marcha en febreiro de 2011 pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección xeral de Xuventude e Voluntariado, ten como obxectivo achegar as novas tecnoloxías a unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía, especialmente entre os colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade.


A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital. Por iso contará coa colaboración e compromiso de persoas voluntarias, entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas que actúan como mecenas dixitais.


78 entidades colaboradoras e 220 voluntarios


Desde a posta en marcha do Programa Voluntariado Dixital un total de 41 entidades de acción voluntaria, 14 organismos colaboradores e 23 empresas do sector tecnolóxico asinaron os protocolos de colaboración nos que se establece a súa participación no Programa de Voluntariado Dixital. A esta colaboración súmase á solidariedade de 220 persoas que se adheriron a iniciativa como voluntarios dixitais. Os únicos requisitos que deben cumprir son ser maior de idade e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal