O feminismo ten na Rede unha oportunidade de ampliar obxectivos e acadar importantes logros, malia ser a Rede, paradoxalmente, o ámbito do noso tempo no que máis medran e se perpetúan os conceptos, falsas crenzas, estereotipos e prexuízos que combaten hoxe en día as mulleres. Arredor desta cuestión e da cuarta onda feminista que abrolla no ciberfeminismo (logo do Século das Luces, o sufraxismo ou as revolucións a prol da muller do século XX) xirou o relatorio celebrado hoxe na UVigo, na Facultade de Filoloxía e Tradución. A conferencia contou coa intervención da especialista en estudos de xénero da Universidade de Cantabria, Andrea Ruthven.
Baixo o epígrafe Cuarta onda feminista? Activismo e representacións de xénero na cultura contemporánea, a sesión serviu para avaliar a importancia que plataformas tecnolóxicas como #Me Too están a ter “na definición do feminismo actual”. Nela tamén participaron (na recta final da xornada) docentes das universidades de Vigo, Tras-os-Montes e Alto Douro e Barcelona: María Platas, Ana Cristina Gómes da Rocha e Katarzyna Paszkiewicz, respectivamente. A conferencia foi organizada polas docentes e investigadoras da Universidade de Vigo Belén Martín Lucas e María Platas, en colaboración coa Unidade de Igualdade.
Andrea Ruthven comezou a súa intervención lembrando a figura de Tarana Burke, impulsora hai doce anos do movemento Me Too, nun primeiro intre un apoio “para escoitar, entender e crer” ás mulleres vítimas de violencia sexual, que logo se trasladou e amplificou nas redes sociais. A especialista en estudos de xénero defendeu o valor das plataformas virtuais como a propia #Me Too, #I belive you ou #Just all we womenpara crear alternativas, ao tempo que “fan visibles as voces e a participación das mulleres de xeito que poidan xerar un efecto de onda”. Asemade, a investigadora puxo o foco nas facilidades que proporcionan as plataformas dixitais “para crear espazos para desenvolver a conciencia feminista individual e colectiva e para atopar e manter o apoio ás opinións feministas, así como no seu carácter inclusivo, “fronte á tradicional exclusión da muller e doutros colectivos da esfera pública”, aínda que tamén advertiu que “non se debe pintar o mundo virtual como un espazo utópico para a interacción”.
No seu relatorio, a especialista en estudos de xénero reiterou o impacto do movemento feminista virtual, que mobiliza millóns de persoas que teñen historias que contar. “Ao dicir #Me Too”, sinalou,“cada muller forma parte dun grupo máis amplo e elixe estar xunto a outras persoas que foron acosadas, agredidas ou violadas, e esta solidariedade é moi poderosa”, concluíu.
Rexístrate como: