Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

Girl STEM: Derrubando estereotipos

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 09/10/18 (15:46)

A Asociación Galega de Empresas de Software Libre (Agasol) e a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), queren reducir a fenda de xénero entre mulleres e homes nos estudos dos campos STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas), nas que o alumnado feminino apenas se sitúa en torno ao 30%. Para isto, poñen en marcha o programa 'Girl STEM: derrubando estereotipos', que se desenvolverá en sete grandes cidades galegas durante os meses de setembro e outubro. Trátase dun programa de mentoring con mulleres referentes de recoñecido prestixio que, a través de diferentes sesións de traballo, farán chegar a súa experiencia ás máis novas, falando da súa traxectoria, clarificando dúbidas e contribuíndo a derrubar estereotipos.

Desde o 21 de setembro ao 19 de outubro haberá diversos encontros entre mozas da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato e mulleres tecnolóxicas referentes nos seus sectores. O obxectivo do programa consiste en orientar e empoderar ás mozas con charlas inspiradoras destas directivas e investigadoras que lles falarán do seu traballo, para animar ás máis novas a escoller, se o desexan, titulacións STEM. Este programa forma parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, DigiTalent 2020, impulsado pola Amtega.

A Fundación Barrié na súa sede da Coruña acolle a sesión que pechará a serie de encontros nas diferentes cidades galegas.

Esta xornada correrá a cargo de Julia Bernal, a directora xeral de Red Hat en España e Portugal desde xaneiro de 2017. Ten máis de 25 anos de experiencia no sector das tecnoloxías da información (TI) e ocupou numerosas posicións técnicas e de liderado en xigantes tecnolóxicos como HP, Sun Microsystems e Oracle. 

Á sesión acudirán alumnos de varios IES da Coruña e a súa área metropolitana así como doutros puntos da provincia, pero tamén haberá entrada libre á sesión ata completar o aforo.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Barrié
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal