A operadora R vai organizar esta finde un novo obradoiro de robótica para a rapazada. Desta volta, a cita (inserida no programa Digitalent 2020 da axencia autonómica AMTEGA) será en Baiona e estará novamente dirixida a nenas e nenos de entre 7 e 15 anos. A actividade formativa é de balde e nela os asistentes terán unha oportunidade de ouro para iniciarse na creatividade tecnolóxica e ir enfiando o seu talento cara este eido, un ámbito de importantes posibilidades creativas, dixitais, sociais, laborais e persoais.
R retoma o fío dos seus talleres logo das experiencias do ano pasado, no que a operadora de raizame galega percorreu máis dunha vintena de localidades das nosas catro provincias. O periplo recomezou os días pasados, na feira de emprendemento innovador Pont Up Store de Pontevedra, e agora prosegue coa recalada en Baiona, á que lle seguirán citas análogas en Silleda, Ribadeo, Tui, Caldas, Porriño e Santa Comba. En Baiona a actividade desenvolverase no Centro Multiusos Ángel Bedriñana (rúa Carabela Pinta, 20), onde se desenvolverán tres obradoiros de robótica para 60 rapazas e rapaces. Haberá unha primeira quenda para nenas e nenos de 7 e 8 anos, de 10:00 a 12:00 h. Deseguido, os cativos de 9 a 11 anos serán quen desfruten desta iniciativa, de 12:00 a 14:00 h. E xa pola tarde, de 16:30 a 18:30 horas, rapaces de 12 a 15 anos rematarán esta xornada coa que sobre todo se procura que aprendan mentres se divirten.
Durante o obradoiro, os cativos van crear un prototipo tecnolóxico botando man de placas e materiais reciclados (cartón, plástico, plastilina, cordas...) para construír as estruturas. Segundo informa a operadora, na actividade entrará novamente en xogo a iniciativa Crea R, buscando achegar á rapazada, “dun xeito natural e divertido”, a conceptos básicos de programación, mentres xogan co prototipo que eles mesmos artellan paso a paso. A finalidade de Crea R é que “os nenos desenvolvan e potencien a súa creatividade, que esperten o seu espírito emprendedor ao tempo que adestran habilidades importantes como o traballo en equipo e a comunicación”. Ademais, explica a empresa de telecomunicacións, procúrase que “deixen de ser meros consumidores pasivos de tecnoloxía e boten man dela, desta volta, para crear e aprender”. Para acadalo, Crea R conta coa bagaxe do método educativo de Líbolis, Pequenos Emprendedores, en palabras da empresa “a única escola de emprendemento na nosa Comunidade”. Para quen non o saiba, cada un dos talleres de robótica programados está limitado a 20 persoas e as familias que desexen inscribir os seus fillos nesta actividade, completamente gratuíta, só teñen que solicitar unha entrada na tenda R de Baiona (Marqués de Quintanar, 27) onde se entregan dende o pasado día 25 e ata o 5 de outubro.
Rexístrate como: