A Aula de Informática do Milladoiro (Ames) vén de abrir o prazo de inscrición para tres cursos TIC programados para esta recta final de 2018. A oferta está formada por un obradoiro sobre a creación, configuración e o uso do correo electrónico, que se desenvolverá no mes de outubro; unhas xornadas sobre os primeiros pasos na informática, previstas para novembro; e, por último, un curso para a elaboración de presentacións con Impress, que se impartirá en decembro.
Respecto do curso de iniciación ao correo electrónico, abordaranse cuestións como a creación, a configuración e o uso dunha conta. Dirixido a persoas maiores de 18 anos, este obradoiro de catro horas e media de duración, desenvolverase os días 29, 30 e 31 de outubro. Existen 10 prazas por quenda (de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas). Por outra banda, no mes de novembro está prevista a realización dun curso para achegarse a Internet dende un nivel básico, pensado para persoas maiores de 18 anos que queiran iniciarse na informática. Este obradoiro de seis horas de duración terá lugar do 19 ao 22 de novembro, en horario de 10:00h a 11:30h ou de 18:00h a 19:30 horas. O número de prazas por quenda é de 10. Finalmente, a programación complétase coa realización dun curso de elaboración de presentacións con Impress, co obxectivo de elaborar un conto de Nadal. Os destinatarios do mesmo, que se desenvolverá os días 26, 27 e 28 de decembro, en horario de 11:00h a 12:30 horas, serán dez nenas e nenos entre os 9 e os 12 anos.
Segundo informa o Concello, o prazo de inscrición para estes obradoiros de balde ficará aberto até se cubran todas as prazas (dende este primeiro de outubro), o que se fará por orde de inscrición. O Goberno local lembra que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para inscribirse é preciso estar empadroado no concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas. As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo a informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe.
Rexístrate como: