Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Participantes na actividade.

A Fundación TIC introduce nos móbiles e en Internet aos maiores da Pastoriza

Versión para impresiónSend by email
A Pastoriza, 27/09/18 (11:01)

Fundación TIC da Deputación de Lugo está a impartir esta semana no concello da Pastoriza un dos cursos cos que achega, ao longo deste terceiro trimestre de 2018, as novas tecnoloxías da información e as súas principais vantaxes comunicativas e informativas aos maiores do rural. O deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o alcalde de Pastoriza, Primitivo Iglesias mantiveron este mércores un encontro cos 20 participantes na actividade. A través desta acción formativa, a veciñanza do devandito concello introdúcese de cheo no manexo básico de móbil e inícianse nas utilidades de Internet, de maneira gratuíta.

A actividade insírese como dixemos no programa formativo da Fundación TIC para este terceiro trimestre de 2018. O programa vén con 1.165 prazas e un total de 87 cursos e obradoiros a impartir na sede do InLugo na cidade da Muralla e máis nas vilas e aldeas do rural, incluído o concello da Pastoriza. 

Os obradoiros foron dados a coñecer recentemente polo presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, e o patrón da TIC e deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, dixo que “desde o Goberno da Deputación apostamos un trimestre máis polo fomento do uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos porque cremos firmemente na súa utilidade como unha ferramenta que axuda a mellorar a calidade de vida das persoas maiores”. 

O presidente da TIC fixo saber na presentación que “este trimestre haberá varias novidades”, todas co nexo común de atender as demandas dos usuarios e actualizar coñecementos xa que, “no caso da novas tecnoloxías, os contidos cambian con moita rapidez”, sinalou. Entre estas novidades figuran a posta en marcha dun segundo nivel de Internet para buscas máis avanzadas e obradoiros de pedidos por Internet, cambio de contrasinais e copias de arquivos. Asemade, incluirase por vez primeira un curso de retoque e composición de fotografía por computador, que se suma ao que xa hai no móbil. Por outra banda, e respondendo ás solicitudes das usuarias e usuarios, incrementarase o número de talleres de memoria, entre os que haberá unha actividade a desenvolver coa consola Xbox, e, ao abeiro da programación habitual, terán especial presenza os cursos de móbil e de aplicacións como Facebook, Instagram ou Whatsapp, que segundo lembrou o presidente contan con gran número de seareiros.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal