Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Logo Pont-Up Store 2018.

A Xunta participa no espazo de emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra cun stand para promover a economía social

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 20/09/18 (15:40)
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora con esta iniciativa organizada pola Universidade de Vigo que arrancará mañá e rematará o sábado na cidade pontevedresa
  • No stand da Xunta ofrecerase información sobre os programas de axudas para impulsar o emprego e o emprendemento en Galicia
  • A Administración autonómica participará mañá no taller para nenos ‘Laboratorios dinámicos de creación cultural e artística de economía social’ e na presentación das aceleradoras de proxectos previstas no proxecto Laces de fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

 

A Xunta participa a partir de mañá na quinta edición do Espazo de Emprendemento Pont-Up Store de Pontevedra cun stand no que ofrecerá información sobre os programas e as axudas da Administración autonómica para promover a economía social e o emprendemento e para, en xeral, incentivar o emprego.

A iniciativa, que organiza a Universidade de Vigo, e coa que colabora a Xunta, desenvólvese ata o sábado na cidade pontevedresa cun amplo programa de actividades. A Consellería de Economía, Emprego e Industria participará mañá a partir das 10.00 horas na presentación, organizada polo EspazoCoop-Unión de Cooperativas Galegas, das aceleradoras de proxectos que se desenvolverán a través do proxecto Laces de fomento e consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. EspazoCoop desenvolverá unha destas aceleradoras e o departamento de Economía, Emprego e Industria outra delas.

O proxecto Laces, que lidera a Xunta, e no que participan as universidades de Santiago e de Tras os Montes e Alto Douro; Tecminho; a Associação Centro de Incubação Base Tecnológica do Minho, a Cámara Municipal de Santo Tirso e as asociacións de economía social de EspazoCoop, Agaca e Aesgal, establece unha axenda conxunta para difundir as vantaxes da economía social, como marco para constituír empresas e emprego de calidade, e presenta á Eurorrexión como territorio propicio para facelo. Ademais, ten como un dos seus principais obxectivos identificar as oportunidades de negocio vinculadas a sectores emerxentes.

Os retos principais de Laces van en consonancia coas liñas estratéxicas e políticas que está a impulsar a Xunta para o fomento da economía social e coas oportunidades e retos identificados no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.

A Xunta, ademais, a través da Rede Eusumo de impulso ao cooperativismo, organiza en Pont-Up Store, mañá ás 17.00 horas, os laboratorios dinámicos de creación cultural e artística de economía social dirixidos a nenos de entre 6 e 10 anos. A través desta actividade foméntase a creatividade e o traballo en equipo, ao tempo que se promoven os valores da economía social.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal