Madrid,
19/09/18 (14:35)
O Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) e a Fundación ONCE lanzaron unha enquisa 'online' sobre o acoso escolar por razón de discapacidade dirixida a alumnos, familiares, profesores, expertos e demais axentes implicados.
Fixérono este venres Jesús Martín, delegado de Dereitos Humanos e para a Convención da ONU sobre Discapacidade do Cermi, e Sabina Lobato, directora de Formación, Emprego, Proxectos e Convenios da Fundación ONCE, que participaron nunha mesa redonda organizada por Servimedia e a Fundación ONCE en Madrid na que tamén interviñeron a directora técnica de Autismo España, Ruth Vidriales; representantes do ministerio e da Consellería de Educación madrileña; a vicepresidenta da FAPA Giner dos Ríos e unha moza con discapacidade vítima de acoso escolar.
A iniciativa forma parte do estudo sobre acoso escolar e discapacidade que ambas as entidades desenvolven para coñecer o impacto real do bullying no colectivo, e que difundirán nas súas redes sociais.
Ademais da enquisa, o estudo comprende 10 entrevistas en profundidade a expertos que xa se realizaron e tres grupos de discusión entre profesores, alumnos e pais. Xa tiveron lugar os dous primeiros e queda pendente o debate entre familiares.
Segundo Martín, "tiñamos evidencias" do maior impacto do bullying nos alumnos con discapacidade por experiencias dalgunhas entidades concretas, pero en España fáltannos datos". "Necesitamos unha foto global da discapacidade para dicirlles ás admnistracións públicas cal é a realidade e esixir políticas públicas", afirmou.
Lobato declarou que "sabemos o difícil que resulta para as vítimas abrirse e denunciar" e, por iso, a iniciativa está aberta a todo o mundo: a quen sofre acoso na actualidade, a vítimas pasadas, a profesores, familiares e outros alumnos. Por elo, animou a familias, profesores e estudantes a participar na enquisa.
Segundo Vidriales, algúns estudos noutros países sinalan que máis do 50% do alumnado con autismo padece acoso escolar, "aínda que outras investigacións elévano ao 80%".
"En España fáltannos moitos datos pero o que as familias nos contan é que, con sorte, o mellor que lles pode pasar (aos seus fillos) é que os deixen sós. A partir de aí, risas, burlas, vexacións, insultos e mesmo agresións", indicou.
Concurso escolar
Por outra banda, Lobato subliñou a importancia da educación inclusiva e de que todos os nenos coñezan a discapacidade desde pequenos. Neste sentido, destacou iniciativas como a Biblioteca Infantil da Fundación ONCE, que ofrece 11 contos para escolares protagonizados por personaxes con distintas discapacidades, ou o cconcurso escolar da ONCE, que na edición de 2017 estivo centrado no acoso escolar.
Baixo o lema 'Somos diferentes, non indiferentes. Activistas contra o acoso', o certame contou cunha participación de 167.265 escolares e 3.601 profesores de 2.200 centros educativos de toda España.
O concurso ofreceu ferramentas para detectar, sensibilizar e actuar contra as situacións de acoso que se poidan producir na escola, para que os escolares se convertan "por si mesmos en axentes de cambio contra o bullying".
No concurso, os estudantes de Primaria e Educación Especial realizaron un cartel publicitario de sensibilización contra o acoso, mentres que os alumnos da ESO, FP e Bacharelato gravaron unha peza audiovisual (micro-curta dun minuto) onde mostraban como pasar á acción contra esta problemática.
Tema: Xeral
Fonte:
Cermi