Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel da iniciativa.

Google ofrece formación dixital a persoas con perda de audición

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 19/09/18 (11:21)

Google organizou este luns en Madrid unha sesión de formación dixital dirixida a persoas con perda de audición, coincidindo co Mes Internacional da Xordeira.

Esta iniciativa enmárcase en Google Activate, o programa da compañía que fomenta a empregabilidade mediante as competencias dixitais. Na celebración da xornada colaboraron a Secretaría de Estado de Servizos Sociais, a Fundación ONCE, Fiapas, CNSE, Cermi e Visualfy.

A xornada, que tivo lugar no Campus Madrid de Google, foi inaugurada pola Secretaria de Estado de Servizos Sociais, María Pilar Díaz López, e Francisco Ruíz Antón, director de Políticas e Asuntos Públicos de Google España.

Preto de 200 persoas asistiron á clase maxistral 'Transformación dixital: emprego e marca persoal', unha sesión de dúas horas de duración centrada en coñecer os novos perfís profesionais asociados ao sector dixital, así como aprender nocións para xestionar a marca persoal 'offline' e 'online'.

Durante a súa intervención, Francisco Ruiz Antón, explicou que é necesario comprender o impacto que a transformación dixital está a ter no mundo laboral. "Só en España calcúlase que se crearán ao redor de 2 millóns de postos de traballo ligados á economía dixital de aquí a 2030. Por iso, desde Google levamos anos apostando pola formación en competencias dixitais para todos, para que ninguén quede atrás", afirmou o directivo de Google.

Ademais, o evento contou coa participación de Manel Alcaide, CEO de Visualfy, empresa que desenvolve e adapta a tecnoloxía a favor de persoas xordas e/ou cegas. Para Alcaide, que impartiu unha charla sobre emprendemento tecnolóxico e talento na comunidade con perda de audición, "é fundamental que o colectivo de persoas con discapacidade auditiva se crea capaz e se forme en novas tecnoloxías; cada vez somos máis empresas as que cremos neles e estamos a desexar darlles oportunidades."

O evento tamén contou coa presenza de Alberto Durán, vicepresidente da Fundación ONCE e conselleiro xeral adxunto ao presidente da ONCE; José Luís Aedo Cuevas, presidente da Confederación Española de Familias de Persoas Xordas (Fiapas); Concepción María Díaz Robledo, presidenta da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), e vicepresidenta do Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi).

Tema: Xeral
Fonte: El Economista
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal