Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Persoeiros da Xunta de visita no IES de Soutomaior.

Feijóo reivindica que unha Galicia mellor se constrúe cunha educación pública con máis linguas, máis tecnoloxía, máis materias científicas e con mellores salarios para os docentes

Versión para impresiónSend by email
Soutomaior (Pontevedra), 18/09/18 (11:16)
  • Asevera que se conseguirá consolidar todo o que se logrou nestes últimos anos: unha Galicia co menor abandono escolar desde que hai rexistros e que apoia ás familias
  • Salienta que a Comunidade pasou en dez anos de ter cero centros plurilingües a 385 este curso; de ter 67 auxiliares de conversa a 617; e, neste curso, máis de 100.000 alumnos recibirán ensino plurilingüe
  • No eido das TIC, resalta a compra de 30.000 novos portátiles e precisa que no curso que comeza 18.000 alumnos estudarán co libro dixital, un 55% máis que o ano pasado
  • Lembra que, por primeira vez, 15 institutos ofrecerán o bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía
  • Sostén que unha Galicia mellor pasa tamén pola motivación de todos os docentes e destaca a aposta por mellorar as súas condicións laborais cun incremento salarial progresivo

 

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe que unha Galicia mellor se constrúe cunha educación pública con máis linguas, con máis tecnoloxía, con máis materias científicas e con mellores salarios para os docentes.

Durante unha visita ao IES de Soutomaior, con motivo do comezo das clases nos niveis da ESO e bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial, Feijóo aseverou que con todos estes avances se conseguirá consolidar todo o que se logrou nestes últimos anos: unha Galicia co menor abandono escolar desde que hai rexistros, ao terse reducido desde case o 26% ata por debaixo do 15%; cun ensino de máis calidade e máis equitativo, tal e como recoñece o informe PISA; e que apoia as familias, co maior sistema de transporte escolar gratuíto de España e cun sistema de fondos de libros e axudas que o ano pasado chegou a case 140.000 fogares.

Máis polo miúdo, o responsable do Executivo autonómico salientou que grazas á aposta por un ensino plurilingüe, a Comunidade pasou en dez anos de ter cero centros plurilingües a 385 este curso; de ter 67 auxiliares de conversa a 617. “E, neste curso, máis de 100.000 alumnos recibirán ensino plurilingüe”, dixo.

Logo de resaltar a compra de 30.000 novos portátiles, Feijóo precisou, en relación ás TIC, que no curso que comeza 18.000 alumnos estudarán co libro dixital –un 55% máis que o ano pasado-. E no eido das ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas, por primeira vez, 15 institutos ofrecerán o bacharelato de excelencia en ciencias e tecnoloxía.

Así mesmo, aseverou que unha Galicia mellor pasa tamén pola motivación de todos os docentes. E, neste eido, destacou a aposta por mellorar as condicións laborais dos docentes, cun incremento salarial progresivo que chegará a ser de 1260 euros ao ano.

En relación a esta nova infraestrutura, o primeiro instituto da historia de Soutomaior, o titular da Xunta aseverou que, con este centro, no cal se investiron preto de 6 millóns de euros, se cobre unha débeda que se tiña cun dos concellos que máis están a crecer de Galicia. Non en van, as case 500 prazas das que dispón integrarán os alumnos e profesores de primeiro e segundo de ESO que, deste xeito liberarán o Manuel Padín Truiteiro para os niveis de infantil e primaria; e permitirán que os rapaces do municipio non teñan que desprazarse cada día ata Pontevedra ou Redondela.

O presidente da Xunta concluíu garantindo o compromiso de seguir investindo en Educación, para que a Galicia do futuro poida seguir avanzando; e agradeceu o compromiso vocacional de todos os traballadores do sistema público educativo galego.

Tema: Xeral
Fonte: Xunta de Galicia
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal