Apple presentou esta semana as súas novidades con novos modelos de iPhone e tamén coa renovación do seu reloxo intelixente, o Apple Watch Series 4, que incorpora nova tecnoloxía centrada na saúde e que permite mellorar a autonomía de persoas maiores e persoas con discapacidade.
Unha das características que máis chama a atención é o detector de caídas, un sistema que xa coñecemos doutras solucións pero que a compañía norteamericana incorporou ao seu reloxo intelixente.
O novo Apple Watch é capaz de detectar cando o usuario caiu e ofrécelle a posibilidade de contactar con emerxencias e coas persoas que establecese para avisar en caso de necesidade.
Ademais, se a persoa non decide nun tempo de 60 segundos se quere avisar aos seus contactos de emerxencia ou non, o reloxo mandará automaticamente un aviso indicando, ademais, a localización do usuario.
Este tipo de sistemas son moi útiles para facilitar a autonomía de persoas maiores, e tamén dalgunhas persoas con discapacidade, xa que poden avisar en caso dunha caída ou un accidente.
Ademais, o Apple Watch 4 incorpora outras novidades centradas na saúde, como a capacidade de medir a frecuencia cardíaca para detectar posibles anomalías.
Xunto a estas novas características, o reloxo de Apple renóvase tamén na súa estética e no seu interior, cunha pantalla máis grande, grazas á redución dos bordos, e un novo procesador máis potente.
Rexístrate como: