Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Muller diante dun ordenador.

A USC recoñecerá proxectos de alicerce tecnolóxico liderados por mulleres

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 03/08/18 (13:56)

A Universidade de Santiago e o Instituto da Muller queren impulsar o emprendemento feminino. De aí xorde o concurso Innovatia 8.3, que se dirixe a visualizar e recoñecer as mellores iniciativas de alicerce tecnolóxico impulsadas por investigadoras e/ou emprendededoras. Ao certame poderán concorrer iniciativas empresariais ou empresas con presenza maioritaria de mulleres nos seus consellos de dirección ou de administración e que teñan contado co apoio de universidades españolas. O prazo de presentación de propostas fica aberto até 10 de setembro. O concurso científico-tecnolóxico está co-financiado polo Fondo Social Europeo. 

Entre os seus obxectivos concretos figura o de crear “un modelo de intervención que integre a perspectiva de xénero nos procesos de transferencia de coñecemento e no proceso de creación de empresas de base tecnolóxica na contorna universitaria”. O certame vén con dúas categorías, por unha banda a de iniciativas empresariais de alicerce tecnolóxico (dotada de 10.000 euros de premio en metálico e asesoramento personalizado durante seis meses por unha profesional referente no sector), e pola outra e a de iniciativa empresarial startup (premiada con 7.000 euros e asesoramento personalizado durante tres meses por unha profesional referente no sector).

Os proxectos serán valorados por un comité composto por persoal experto e independente e integrado por cinco persoas: dúas procedentes de sociedades de capital risco que xestionen fondos para transferencia de tecnoloxía; outras dúas procedentes de redes OTRI e unha persoa que represente asociacións empresariais ou directivas a nivel nacional. Este comité avaliará factores como a viabilidade económica e financeira dos proxectos; así como o grao de innovación do produto, proceso ou servizo; o volume de emprego creado ou proxectado; o carácter multidisciplinar do equipo promotor; e ter en consideración políticas de igualdade.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal