Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Cartel do evento.

En setembro metémonos na rede internacional de eventos sobre WordPress coa WordCamp Pontevedra

Versión para impresiónSend by email
Pontevedra, 27/07/18 (13:22)

En setembro, os días 22 e 23, vaise celebrar en Pontevedra un evento que colle de preto a practicamente todas e todos os que andan na Rede e, ademais de andar, fan por darlle forma e contribuír ao seu medre. Estamos a falar do evento WordCamp Pontevedra, que se desenvolve na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. O seu fío temático é WordPress, o coñecido e estendido sistema libre de xestión de contidos orientado á creación de bitácoras, blogs e páxinas web. O evento está organizado por voluntarias e voluntarios da comunidade de WordPress Pontevedra e conta co apoio da Fundación WordPress, a organización internacional.

Como dixemos, o tema a tratar será WordPress, aínda que non de maneira exclusiva. Segundo nos contan os organizadores, falarase de “calquera asunto que teña relación con WordPress, a calquera nivel, dende blogs e negocios até accesibilidade pasando por redes sociais e tendas en liña, entre outras moitas cuestións”.

O obxectivo da xuntanza é dar cabida á maior cantidade de xente posible, polo que a organización está a facer un esforzo para garantir a máxima accesibilidade económica. Así, coa axuda dos patrocinadores e as doazóns póñense en xogo entradas a prezos baixos: 25 euros por dous días.

A cita de Pontevedra forma parte dunha rede de acontecementos WordCamps que se celebran por todo o mundo, impulsados por usuarios, desenvolvedores e entusiastas do devandito sistema de xestión de contidos. Segundo explican os organizadores da xuntanza galega, as relatoras e relatores tamén concorren de maneira voluntaria e os cartos que se recadan por medio de entradas e patrocinios repercuten de xeito exclusivo sobre o evento (comida para dous días, café, refrescos, camiseta conmemorativa, impresión, carteis…).

A WordCamp Pontevedra, como primeira WordCamp que se celebrará en Galicia, conta con reunir unhas 200 persoas e pretende achegar os mellores contidos á comunidade galega con relatores de toda a nosa xeografía e e pór en valor o traballo e coñecemento dos profesionais da nosa terra.

O sábado haberá dúas tracks de conferencias con 20 relatores que tocarán todos os temas posibles para que, en palabras da organización, “tanto principiantes coma expertos aprendan e se divirtan”. O domingo será o Día do Contribuínte, onde se ensinará a colaborar co proxecto de WordPress: traducións, soporte, desenvolvemento, vídeo, etc.

Amais, o venres realizaranse diversas actividades: unha cita de balde dentro do programa de Pont Up Store con María José Soto, Fernando Puente e Vanesa Gómez, unha visita guiada por Pontevedra para asistentes de fóra ou unha cea para relatores, voluntarios máis patrocinadores, por exemplo.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal