Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Muller de costas paseando por unha rúa.

Arrinca o proxecto ALBA, unha plataforma online para asesorar a mulleres xordas vítimas de violencia de xénero

Versión para impresiónSend by email
Madrid, 26/07/18 (14:23)
  • A Fundación Mutua Madrileña apoia este proxecto dentro do seu plan de acción contra a violencia de xénero e de apoio ás vítimas.

 

CNSE (Confederación Estatal de Persoas Xordas) poñerá en marcha co impulso da Fundación Mutua Madrileña, o servizo online ALBA de atención e asesoramento sobre violencia de xénero para mulleres xordas, que nace para paliar a escasa accesibilidade que atopa este colectivo no seu acceso á información, os servizos e os recursos existentes neste ámbito.

"As mulleres xordas son un colectivo especialmente vulnerable ante a violencia de xénero", ata o punto de que "algunhas nin sequera saben que están a sufrir esta violencia, canto menos que poden facer, que dereitos teñen e que servizos hai á súa disposición" explica Concha Díaz, presidenta da CNSE. Para Díaz, estas mulleres "necesitan unha comunicación accesible que inclúa a lingua de signos, e contar con mediadoras xordas debidamente formadas para que as poidan seguir, acompañar e apoialas durante todo o proceso, así como ofrecer asesoramento aos equipos profesionais que deben atendelas".

Neste sentido, o servizo ALBA estará atendido por unha experta xorda en igualdade de xénero que orientará ás vítimas de violencia machista nas súas necesidades (avogados, recursos especializados de atención a vítimas, subvencións), fará un seguimento de cada caso; orientará ás persoas próximas á vítima (familia, amigas e amigos...); e actuará como consultoría para asesorar a entidades públicas e privadas que traballan coas vítimas de violencia de xénero.

atención realizarase por videochamada en lingua de signos española ou chat, segundo o demanden as persoas usuarias, dunha maneira totalmente anónima, e sempre preservando a confidencialidade.

O proxecto ALBA foi un dos proxectos seleccionados na VI Convocatoria Anual de Axudas a Proxectos de Acción Social da Fundación Mutua Madrileña, que este ano celebra o seu XV Aniversario, dentro da categoría loita contra a violencia de xénero.

Prevese que o servizo comece a funcionar nas próximas semanas como unha aposta pioneira que segundo cualificou a presidenta da CNSE "pretende botar luz e combater na medida do posible, esta grave situación de desvantaxe que tanto risco leva na seguridade e a saúde das mulleres xordas".

A esta iniciativa súmanse outras como un programa de promoción accesible de hábitos saudables, unha campaña contra o micromachismo, e a formación de voluntarias para a prevención da violencia de xénero en mulleres xordas, que a CNSE desenvolve desde hai anos co apoio da súa rede asociativa.

Tema: Xeral
Fonte: discapnet
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal