Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Mar Pereira, Xulio Ferreiro e Manuel Meijide na presentación de Mundos Dixitais.

A Xunta busca impulsar en Galicia un sector dos contidos dixitais máis forte e competitivo

Versión para impresiónSend by email
A Coruña, 03/07/18 (17:30)
  • É un dos obxectivos principais do Plan DICO Mindset, elaborado pola Amtega, en colaboración cos Clústers TIC e do Audiovisual e os axentes do sector
  • Mar Pereira participou hoxe na presentación da XVII edición do Congreso Internacional “Mundos Dixitais”
  • A Axencia pública colabora coa organización do encontro na sección sobre novas tendencias e no obradoiro de creación de personaxes en 3D para rapaces

 

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, interveu esta mañá na presentación do Congreso Internacional Mundos Dixitais, onde sinalou que o sector dos contidos dixitais está chamado a ter un papel clave na implantación de produtos e servizos innovadores en sectores vencellados á economía dixital en todo o mundo.

A responsable do departamento tecnolóxico da Xunta destacou a convicción da Administración autonómica de que Galicia ten que posicionarse neste ámbito para competir na nova economía dixital.

Por iso, desde a Amtega en colaboración co Clúster TIC e o Clúster Audiovisual de Galicia, e cos principais axentes do panorama dos contidos dixitais, elaborouse o Plan DICO Mindset, para fomentar a competitividade dixital dun sector con 900 empresas e máis de 5.000 empregados en Galicia.

 

Proxectos Tractores
A Xunta ten en marcha diferentes proxectos tractores neste ámbito e que poden ser de interese de cara a novas liñas de negocio para empresas tecnolóxicas e audiovisuais. 

Por unha banda, están as iniciativas para a dixitalización do patrimonio cultural galego enmarcadas na Memoria Dixital de Galicia para universalizar o acceso do patrimonio material e inmaterial da Comunidade a través da Rede.

No ámbito da educación e dentro do Proxecto Abalar, a Xunta ten en marcha a entrada en funcionamento dun novo espazo de contidos educativos baseados en tecnoloxías innovadoras, DIxit. Ademais, estase a impulsar a creación de produtos ou servizos innovadores con base nos contidos dixitais en áreas como o turismo.

Outra das liñas de actuación do Plan é da colaboración coa CRTVG para incorporar tendencias interactivas nas súas emisións, avanzando no posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.

 

Colaboración Mundos Dixitais
O Plan busca tamén mellorar as capacidades dos profesionais do sector. O impulso das vocacións científico tecnolóxicas entre os máis novos e a especialización dos profesionais son obxectivos estratéxicos da Axenda Dixital de Galicia.

Por iso una das liñas de colaboración da Amtega, se concreta no obradoiro nesta nova edición de Mundos Dixitais“Kids&teens lab”, unha actividade promovida no marco das actuacións para impulsar o talento dixital entre os máis novos tamén coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática. Rapaces de 14 a 18 anos terán a oportunidade de aprender a crear personaxes de animación en 3D.

Ademais, o coñecemento de novas tendencias é chave para abrir novas liñas de negocio, por iso desde a Axencia quixemos apoiar tamén o espazo “Out of the box” desta edición.

O Congreso Internacional Mundos Dixitais reunirá na Coruña, do 5 ao 7 de xullo, a profesionais de ámbito nacional e internacional do mundo da animación, a realidade virtual, os videoxogos e a arquitectura dixital.

Tema: Xeral
Fonte: AMTEGA
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal