Indra e a Fundación Universia lanzaron a III Convocatoria de axudas a proxectos de investigación aplicada á creación de novas tecnoloxías accesibles, co obxectivo de promover o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas innovadoras que melloren a calidade de vida e a integración social e laboral das persoas con discapacidade.
Os proxectos deben estar dirixidos ao desenvolvemento de software, dispositivos, instrumentos ou equipos que poidan ser utilizados por persoas con discapacidade, co fin de facilitar a súa actividade e participación na sociedade ou favorecer o seu acceso ao emprego.
Entre os criterios requiridos, destaca a excelencia tecnolóxica da solución, a súa viabilidade e transferencia real a produtos ou servizos que aínda non existan no mercado, a súa utilidade práctica nunha contorna real de inclusión laboral e o alcance do seu impacto, segundo o número de posibles beneficiarios e a posibilidade de internacionalizar a idea, ademais do seu nivel de innovación.
Tamén se terá en conta que o produto ou servizo proposto sexa gratuíto ou teña un custo reducido para os usuarios finais, así como que a solución sexa open source, é dicir, que utilice código de programación aberto, de forma que facilite a súa modificación e adaptación posterior.
Para garantir que as tecnoloxías desenvolvidas dean resposta a necesidades reais das persoas con discapacidade e para facilitar unha correcta execución, tamén se considerará a participación nos proxectos de investigadores ou alumnos con discapacidade, a colaboración de asociacións e fundacións vinculadas ao mundo da discapacidade, así como a proximidade á rede de centros de produción de software de Indra en España. Ademais, valorarase que potencien sinerxias con outros proxectos de Tecnoloxías Accesibles apoiados ou desenvolvidos por Indra.
A convocatoria diríxese a entidades pertencentes ao sistema universitario español, que poden presentar as súas propostas desde o 26 de xuño ao 15 de outubro na páxina web de Indra e no portal http://www.tecnologiasaccesibles.com. A preselección das propostas finalistas será realizada por profesionais voluntarios de Indra e unha comisión de adxudicación, formada por recoñecidos expertos, elixirá as tres iniciativas que recibirán financiamento e que se darán a coñecer o 3 de decembro, coincidindo co día internacional das persoas con discapacidade.
Rexístrate como: