Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas

A Amtega e as tres universidades galegas colaboran para incorporar a 150 estudantes e profesores de telecomunicacións e informática ao programa de Voluntariado Dixital da Xunta

  • Trátase da iniciativa UNIMÁIS Tic, que ten como obxectivo contribuír a que a investigación tecnolóxica que se desenvolve nas universidades se traduza nas solucións reais que precisan os colectivos que atenden as entidades de acción social.

  • O labor dos voluntarios que se adhiran centrarase en achegar as novas tecnoloxías aos colectivos e entidades do terceiro sector galego.

  • Colaborarán as oficinas de voluntariado das universidades, as facultades e escolas universitarias de informática e telecomunicacións, os colexios profesionais TIC xunto cos estudantes que se adhiran como voluntarios dixitais

Versión para impresiónSend by email
18/02/13 (11:31)

O Programa de Voluntariado Dixital da Xunta está a traballar nun novo proxecto, UNIMÁIS Tic, para fomentar o voluntariado dixital nas tres universidades galegas. Para conseguilo a Xunta e as universidades colaborarán para conseguir que 150 estudantes e profesores das Enxeñarías de Telecomunicacións e Informática participen como voluntarios dixitais nas entidades de acción social galegas. 

O obxectivo final é facilitar que a investigación tecnolóxica que se está a desenvolver nas universidades se traduza nas solucións reais que precisan os colectivos cos que traballan as entidades de acción social co fin de mellorar a súa calidade de vida.

O Programa Voluntariado Dixital, a través dos seus servizos e proxectos, está asentando as bases para a constitución dunha plataforma de innovación social galega, que implica o desenvolvemento e a aplicación de novas ideas (produtos, servizos e modelos de xestión) para responder aos retos sociais derivados do envellecemento da poboación, a discapacidade, a pobreza, o desemprego e as desigualdades socias.

Como se articula UNIMÁIS Tic

UNIMÁIS Tic contará con catro actores principais: as escolas universitarias e facultades TIC, as Oficinas de Voluntariado das universidades, os colexios profesionais e os voluntarios dixitais, que serán tanto estudantes como profesores de informática e telecomunicacións que se queiran adherir ao proxecto.

As escolas e facultades TIC encargaranse da elaboración do directorio de grupos de investigación que traballan no ámbito da tecnoloxía social en Galicia así como do catálogo de proxectos e servizos neste eido. Esta información pasará a formar parte do Mapa de Capacidades Tecnolóxicas de Galicia, Mapa TIC.

As Oficinas de voluntariado contribuirán a difundir o programa de voluntariado dixital e a xestionar o labor dos voluntarios dixitais que se adhiran a esta iniciativa. O labor destes voluntarios centrarase en achegar as novas tecnoloxías aos colectivos e entidades do terceiro sector galego.

Por outra banda, os colexios profesionais porán en contacto aos voluntarios dixitais universitarios cos profesionais do sector TIC para orientalos na súa formación e busca de emprego. Tamén  contribuirán á difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación correspondentes ao ámbito de tecnoloxía social e analizarán a posible participación do sector empresarial TIC para transformar estes proxectos en produtos de mercado.

Fase de lanzamento

Representantes da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia impulsora, xunto coa Dirección Xeral de Voluntariado, do Programa de Voluntariado dixital, mantiveron esta semana unha xuntanza para o lanzamento e articulación do proxecto, cos directores e decanos das escolas e facultades de enxeñaría informática e de telecomunicacións das universidades de Vigo, Santiago e A Coruña,  representantes das oficinas de voluntariado das tres universidades, e os presidentes das colexios profesionais de Telecomunicacións, Enxeñaría Informática e Enxeñería Técnica en Informática.

Entre as actividades inmediatas acordadas está a celebración no mes de abril de catro xornadas de difusión do proxecto nas catro escolas e facultades de telecomunicacións e informática de Galicia, dirixidas aos estudantes e profesores universitarios.

Programa de Voluntariado Dixital: 220 voluntarios e 78 entidades colaboradoras

O Programa de Voluntariado Dixital, no que se enmarca esta actuación, foi posta en marcha pola Amtega e a Dirección Xeral de Voluntariado hai un ano co obxectivo de estender a oferta pública de alfabetización dixital a toda a poboación galega, facendo especial fincapé nos colectivos de persoas maiores e de persoas con discapacidade. A día de hoxe conta con 220 voluntarios e 78 entidades colaboradoras entre concellos, organizacións de acción social, e empresas que actúan como mecenas dixitais.

 

Tema: Xeral
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal