Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
I Xornada Digital Business-Campus de Ourense (DIB´18).

A ESEI acolle este mes unha xornada sobre as portas laborais e empresariais que abre a transformación TIC

Versión para impresiónSend by email
Ourense, 06/06/18 (11:28)

A transformación dixital é un proceso que non vén só. Vén, de feito, acompañado de múltiples e variadas oportunidades profesionais e empresariais. Para mostralas e tamén para meternos nas pel destes novos profesionais, a Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense acollerá o vindeiro 28 de xuño a celebración da I Xornada Digital Business-Campus de Ourense (DIB´18). A cita, organizada pola escola e a empresa Contact Comunicacion, preséntase como “unha ocasión única para coñecer as claves do novo modelo económico e as oportunidades” que abre a transformación dixital da sociedade actual. 

En termos máis concretos, o obxectivo é achegar ao tecido produtivo, aos emprendedores e ao alumnado dos últimos cursos das titulacións do Campus, a unha realidade que se impón e que esixe unha transformación como é o negocio dixital. “Os clientes xa non están diante do escaparate, están en calquera recanto do mundo e hai que saber chegar a eles”, apunta Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, sobre o obxectivo de DIB´18, engadindo que a transformación dixital “é algo totalmente necesario para sobrevivir” e no caso da provincia un reto para algúns dos seus sectores máis destacados, como o agroalimentario ou o comercio. 

A xornada, que terá continuidade, foi concibida para abranguer estudantes de diversas titulacións do Campus. Ademais, terá un carácter “moi práctico” e, polo tanto, mostrará conceptos para logo abrir xeiras de traballo con eles. Así se fixo saber na presentación de DIB´18, que tivo lugar este luns na sede da Confederación Empresarial de Ourense. Segundo explicou na rolda cos medios César González, de Contact Comunicacion, a xornada contará con dúas partes diferenciadas, unha máis xeral e outra máis aplicada, e coa participación de “persoas que teñen unha visión da realidade deste novo modelo de negocio”. 

A sesión de mañá da I Xornada Digital Business-Campus de Ourense estará destinada a “ofrecer unha perspectiva xeral enfocada a coñecer o novo modelo de negocio dixital, abordándose cuestións como a diferenza entre dixitalización e transformación dixital, a visualización en buscadores e a visibilidade web ou a comunicación e mercadotecnia en ecosistemas sociais. Tamén haberá unha mesa redonda sobre modelos de negocios dixitais con representantes de Imaxin Software, Raiola Networks e Menéame. Xa pola tarde desenvolveranse dúas sesións de carácter práctico, cada unha delas composta por grupos limitados a 20 persoas, unha centrada na visualización en buscadores e impartida por Fernando Muñoz, de Señor Muñoz, e outro sobre optimización de funcionamento para WordPress, con Álvaro Fontela, cofundador de Raiola Networks. As entradas para a xornada, tanto para a súa sesión da mañá como para as da tarde, xa están á venda até o esgotamento de prazas.

Tema: Xeral
Fonte: Código Cero
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal