Xunta de Galicia Voluntariado Dixital

Inicio > A Rede > Novas
Portada do informe.

Observatorio estatal da discapacidade. Día Mundial de Internet

Versión para impresiónSend by email
Santiago de Compostela, 21/05/18 (12:28)
  • No Día Mundial de Internet, o Observatorio Estatal da Discapacidade advirte da persistencia da fenda dixital nas persoas con discapacidade e das barreiras para acceder á web en igualdade de condicións.
  • O informe Olivenza 2017 no seu capítulo: 'Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC)' elaborado en colaboración coa Fundación Vodafone España, pon de manifesto esta realidade.

 

  1. Sete de cada dez persoas con discapacidade non utilizan internet. Tres variables son significativas e explican as tendencias neste uso de internet:
    • a. A idade. Así, mentres o 31,1% das persoas con discapacidade de 16 a 45 anos non o utilizan, esta porcentaxe sobe ata o 87,9% entre os maiores de 65 anos.
    • b. O nivel educativo. O non uso de internet entre as persoas con discapacidade que só chegaron a educación primaria chega ao 87%, mentres que naquelas que concluíron educación secundaria esta porcentaxe sitúase no 37,9%. Estas dúas variables tamén determinan o uso de internet na poboación xeral.
    • c. O perfil de discapacidade. O grao de uso de internet tamén varía segundo o perfil de discapacidade. Así, as persoas con discapacidade intelectual  presentan un  uso  máis  baixo  que aquelas con outros perfís de discapacidade.
  2. O principal motivo para non usar internet, segundo as persoas con discapacidade enquisadas, é que lles parece moi avanzado e complexo o seu uso. Un 15,3% tentárono, pero pareceulles inaccesible para o seu tipo de discapacidade. A un 9,3% dálle medo utilizalo porque cre que poden enganala.
  3. Entre as persoas que usan internet, a frecuencia da súa utilización é elevada, pois o 78,6% fano diariamente; mentres que outro 18% utilízano semanalmente.
  4. Para as dúas tarefas máis realizadas polas persoas con discapacidade (como son buscar información, usar o correo electrónico), o dispositivo máis utilizado é o computador. O teléfono móbil imponse para o uso das redes sociais (terceira tarefa máis realizada polas persoas con discapacidade).
  5. Practicamente en igual medida, as persoas con discapacidade consideran que as dúas principais achegas de internet á súa vida diaria son, por unha banda, que lles permite acceder a todo tipo de información (29,4%) e, por outro, que lles permite estar conectados co mundo (28,9%).
  6. A redución do prezo de internet (48,4%), a promoción de cursos de formación para utilizalo e o deseño das páxinas web de forma máis sinxela e intuitiva son as melloras máis relevantes sinaladas polas persoas con discapacidade para facilitar o acceso e uso de internet.

Para obter máis información podes facelo a través do: Observatorio estatal da discapacidade

O Observatorio Estatal da Discapacidade (OED) é un instrumento técnico que a Administración Xeral do Estado, a través do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade (Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade e Real Padroado sobre Discapacidade), e a Junta de Extremadura, a través do Servizo Estremeño de Promoción da Autonomía e Atención á Dependencia, SEPAD, poñen ao servizo das Administracións Públicas, a Universidade e o Terceiro Sector, para a recompilación, sistematización, actualización, xeración e difusión de información relacionada co ámbito da discapacidade.

O OED ten o seu amparo no artigo 73 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social. Configúrase como instrumento de promoción e orientación das políticas públicas de conformidade coa Convención Internacional sobre os dereitos das persoas con discapacidade.

As institucións promotoras do OED son o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Políticas de Apoio á Discapacidade e o Real  Padroado sobre Discapacidade, a Comunidade Autónoma de Estremadura a través do Servizo Estremeño de Promoción da Autonomía e Atención á Dependencia (SEPAD), o Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade e a Universidade de Estremadura.

Tema: Xeral
Fonte: Fundación Vodafone España
Xunta de Galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Atención á cidadanía | Accesibilidade | Aviso Legal | Mapa do portal